"Educación evitou sumar 1080 prazas ás oposicións que comezan este sábado"

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, informando en maio sobre as sedes das probas das oposicións de 2024 (Foto: Xunta da Galiza)
CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación tomou a decisión de non aprobar unha oferta pública de emprego coa taxa de reposición do ano 2022

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación tomou a decisión de non aprobar unha oferta pública de emprego coa taxa de reposición do ano 2022, “xusto nun momento no que todos focos están postos nos incumprimentos por parte das diferentes administracións por non convocar nos procesos selectivos todas as prazas ás que están obrigadas para evitar o abuso de temporalidade”.

O sindicato maioritario no ensino público galego afirma que xa denunciou esta decisión en diferentes reunións cos responsábeis de Educación e afeou que se provocara deste modo “que máis de mil postos de traballo ficasen sen ofertarse conxuntamente coa oferta da taxa de reposición de 2023 que conforma as prazas que están en xogo nas oposicións que dan comezo este sábado, 22 de xuño”.

Logo de ter solicitado os datos na Mesa Sectorial e de que a Administración non cumprira co compromiso de transparencia, afirma a central, solicitou formalmente esas cifras cunha queixa perante a Valedora do Pobo. Foi entón cando a Administración educativa remitiu finalmente os datos.

O total de prazas que conformaban a taxa reposición de 2022 eran 1.066, o que incluía, entre outras, xubilacións e defuncións. “Sobre esta cifra existe unha habilitación do Goberno estatal para incrementalas en 20%, polo que o total de prazas que se deberían ter computado son 1.280”. 

No cómputo final de prazas, explica o sindicato, debe terse en conta que se deben reservar 25% das prazas do subgrupo A1 para promoción interna. “Tendo en conta os cálculos feitos sobre o reparto entre os diferentes corpos na taxa de reposición, a cifra final de prazas que se deberían ter ofertado para ingreso libre serían 1.080”.

A consecuencia da decisión da Consellaría é que a convocatoria de ingreso deste ano —sen contar as de promoción interna— conta con tan só 1.512 prazas, “a máis baixa desde 2018. Debería ser de 2.592, o que a tería convertido na máis importante dos últimos anos”.

Loxística

O 86% das prazas ofertadas nesta oposición son de novo ingreso e as restantes permitirán ao profesorado avanzar na súa carreira docente.
 Os exames desenvolveranse en 15 localidades: Ames, Culleredo, Ferrol, Santiago de Compostela, Ribeira, Lugo, Castro de Rei, Ourense, O Carballiño, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

O maior número de tribunais estará nas probas das especialidades do ensino secundario, un total de 102, mentres que para mestres haberá 76 tribunais.
 Para docentes especialistas en sectores singulares de formación profesional haberá sete, para profesores de escolas oficiais de idiomas cinco, para a acreditación do coñecemento do idioma --galego e castelán-- catro tribunais e para inspectores de educación un tribunal.