A CIG protesta ante a Xunta polo "continuísmo" das políticas de Educación

Delegadas e delegados da CIG-Ensino, esta cuarta feira, en San Caetano. (Foto: Arxina)

Recuperación do horario lectivo e redución da ratio, principais demandas do profesorado.

Delegadas e delegados da CIG-Ensino concentráronse esta cuarta feira ante a Xunta da Galiza, no barrio compostelán de San Caetano, para protestar contra o "continuísmo" nas políticas e nos cargos da Consellaría de Educación. Ademais, insistiron na súa petición de recuperar o horario lectivo anterior ao ano 2011, cando o Goberno do entón presidente, Alberto Núñez FEixoo, o aumentou en todos os niveis de ensino.

Días despois do fin das clases, o principal sindicato representativo da educación pública galega convocou esta protesta após comprobar, na reunión da mesa sectorial do pasado 19 de xuño, que "non vai haber ningún cambio" na Consellaría sobre as súas reclamacións laborais.

Así mesmo, a CIG rexeita o "falsamente chamado" acordo de melloras do ensino público asinado en outubro do ano pasado polo resto de organizacións que integran a mesa sectorial (CCOO, ANPE e UXT) que reduciu o horario lectivo de 25 a 23 horas en Educación Infantil e Primaria. Neste sentido, a central sindical nacionalista lembra que antes de 2011 había 21 horas de clase á semana.

Este asunto será o principal cabalo de batalla da CIG, que tamén protesta porque "non se cumprirá sequera" a redución de ratios que contempla ese mesmo documento. Ás súas reivindicacións suma a eliminación "efectiva" da burocracia no labor docente, a "atención real" á diversidade e un plan para o fomento do galego, entre outras.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, criticou duramente a "falta de respecto" cara ao profesorado o feito de que non se atendesen as máis de 16.000 sinaturas que recolleu a súa organización "en apenas cinco semanas" contra o acordo asinado polas outras tres centrais.

Neste contexto, Bermello asegurou que a CIG seguirá como "dique de contención" contra a "política autoritaria e refractaria a calquera avance laboral e que signifique melloras na calidade educativa" ao longo da nova lexislatura.