Denuncian que Educación non cubra baixas no que queda de curso

A Xunta deixa 1.000 estudantes sen atención, alerta a CIG.
Diego Boquete (CIG-Ensino) atendendo esta sexta feira os medios na protesta ante a Consellaría de Educación (Foto: Nós Diario).
photo_camera Diego Boquete (CIG-Ensino) atendendo esta sexta feira os medios na protesta ante a Consellaría de Educación [Foto: Nós Diario].

A CIG-Ensino concentrouse esta sexta feira diante das dependencias da Consellaría de Educación en Compostela para criticar que a Xunta anunciara esta mesma semana que non se ía cubrir ningunha baixa de profesorado a partir desta sexta feira.

O sindicato nacionalista criticou que o departamento de Román Rodríguez adoptara esta decisión xusto nun momento tan importante como o das avaliacións de final de curso, no que docentes teñen  unha especial carga de traballo burocrático. Desde o sindicato explicaron a Nós Diario que esta decisión da Consellaría vai deixar máis dun milleiro de alumnos e de alumnas sen profesorado e sen asesoramento nos seus centros educativos.

Demandan desde o sindicato que a Xunta “rectifique” esta nova medida que vai afectar á calidade do servizo educativo que se presta nos centros docentes públicos do país. Segundo os datos facilitados polo sindicato, hai subidas á aplicación que xestiona as listaxes de substitución 112 vacantes sen cubrir, 5 delas de antes do mes de maio, e 74 desta mesma semana.

“Esta situación leva a que nos centros se estea vivindo un final de curso de gran sobrecarga de traballo con avaliacións, saídas, probas libres ou de acceso que se fai insostíbel para o profesorado pero sobre todo que prexudica o alumnado con máis necesidades de atención”, alerta o sindicato. 

Segundo os datos da CIG-Ensino, a modo de exemplo da situación actual, hai 10 substitucións de Orientación e 8 de especialistas en atención á diversidade desde o 1 de maio sen cubrir.

As profesionais que se mobilizaron esta sexta feira en sinal de protesta diante da Consellaría de Educación pediron que a Xunta “dea marcha atrás” neste anuncio, e desde a CIG-Ensino sinalaron que bo sinal do resultado desta protesta é o feito de que, “ao parecer, hoxe mesmo chamaron para algunha substitución”.

O sindicato critica que a Xunta tome esta decisión precisamente agora cando o curso remata oficialmente o vindeiro 21 de xuño e coa carga de traballo docente, de avaliación e orientación ao alumnado e burocrático que todo o profesorado ten por diante até polo menos mediados do vindeiro mes de xullo. Explican ademais que desde a toma de posesión do novo goberno da Alfonso Rueda teñen pendente un encontro co conselleiro, Román Rodríguez, e anunciaron que seguirán adiante coas súas acción reivindicativas e as súas demandas até que a Xunta deixe de tomar decisión “gravísimas” como esta de non cubrir as baixas.

Nestes intres, sinalan, hai 5 vacantes desde antes do mes de maio sen cubrir, todas elas pertencentes a especialidades de FP nas que a Consellaría “non foi previsora e non abriu novas listaxes desde o pasado mes de marzo sabendo que habería necesidade de cubrir substitucións nas mesmas”.

Outras 35 corresponden a vacantes que os centros foron publicando ao longo do mes de maio. Critican desde a CIG que esta falla de persoal para cubrir as baixas recae directamente sobre outros compañeiros, que diante da falta de resposta da Consellería están a cubrir o servizo. Denuncian que hai 38 vacantes de mestras de infantil, primaria e especialistas de atención á diversidade pendentes de cubrir. Nas anotacións que fan os centros cando publican estas necesidades poden lerse observacións sobre que se precisa persoal docente para atender só alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Diante desta situación, a CIG anunciou xa que chamará a movilizarse ao profesorado para seguir criticando estas decisións da Xunta que non só merman os dereitos dos traballadores e das traballadoras senón que afectan á atención ao alumnado.

Comentarios