En-Colectivo insiste en que custa máis manter concesión na AP-9 que rescatala

A autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande, sobre a ría de Vigo. (Foto Nandi Estévez)

A asociación sinala que Audasa tivo beneficios “que non lle corresponden”.

A asociación de persoas consumidoras En-Colectivo insistiu esta quinta feira en que é máis custoso para as arcas públicas seguir mantendo, até 2048, a concesión da autoestrada AP-9, que rescatala e pagar a indemnización correspondente, e cualificou de "preocupante" a posición do Goberno español ante o expediente de infracción aberto pola Comisión Europea, ao insistir nuns argumentos que as autoridades europeas xa rexeitaron.

En declaracións á axencia Europa Press, o portavoz da asociación, Diego Maraña, advertiu de que "é francamente preocupante" que o Goberno de España utilice expresións como "indefensión" ou "inseguridade xurídica" na súa resposta á Comisión, cando esta se limita a "defender a legalidade", que "non se cumpriu" na prórroga da concesión aprobada no ano 2000 polo Goberno presidida entón por José María Aznar.

Tras lembrar que a autoestrada AP-9 é a única vía que comunica a Galiza de norte a sur, sen ter outra alternativa equiparábel, Maraña lembrou que esta infraestrutura, tras máis de medio século, aínda non se amortizou e xera un beneficio do 40 %. "Calquera xuíz, nunha reclamación por lucro cesante, pode preguntar a Audasa pola amortización e botar contas, porque tivo beneficios que non lle corresponderían", apuntou.

Por outra banda, cuestionou as cifras achegadas polo propio ministro de Transportes, Óscar Puente, que cifrou en 6.000 millóns o custo de rescatar a concesión e transferir a autoestrada á Galiza. "Falan de cifras astronómicas, pero non aclaran de onde saen", incidiu, antes de lembrar que a propia concesionaria estimou a compensación en 2.200 millóns, unha cifra ratificada polo Consello de Estado, que expuxo que o custo de manter a concesión "sería moito maior".

"Se houbese vontade política, hai uns anos que a AP-9 sería gratuíta", subliñou o presidente de En-Colectivo.