O colectivo de pensionistas da CIG demanda atención presencial

Concentración de xubilados e pensionistas en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Reúnense cos grupos parlamentarios galegos para trasladarlles a súa preocupación pola exclusión dixital que padecen.

Repesentantes do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG reuniuse onte cos grupos parlamentarios do BNG e do PSdeG, despois de facelo na segunda feira co do PP, para trasladarlles a demanda de atención presencial e solicitar que se poñan en marcha as medidas necesarias que eviten a súa exclusión dixital.

O colectivo leva meses desenvolvendo unha campaña arredor desta cuestión e xa presentou na Valedora do Pobo máis de 6.000 escritos avalando as súas queixas.

Un membro deste colectivo, Xepe Torres, explicou aos grupos como Administracións e empresas, coa escusa da pandemia, aceleraron o proceso de dixitalización e atención non presencial e "deixaron no camiño boa parte da sociedade".

Por iso trasladou a súa exixencia de que, a carón da atención telemática, se garanta que haxa atención presencial en todos os ámbitos e que a tramitación electrónica deixe de ser exclusiva na Administración.

Neste sentido, Torres incidiu en que "a dixitalización da Administración debe ser para mellorar a atención, non para reducir persoal e centralizar servizos".

Para retratar a situación puxeron exemplos de casos en organismos como o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), na sanidade ou na banca que dan boa conta "da situación de exclusión dixital que sofren as persoas maiores no seu trato con administracións, empresas ou entidades financeiras". 

Ademais, o colectivo trasladou a súa reclamación de que se recupere o persoal perdido estes anos para manter unha atención presencial "adecuada", a comezar pola sanidade, o INSS e o resto das Administracións.