Colectivos feministas arroupan en Compostela Hadriana Ordóñez, denunciante de abusos sexuais: "Nin un agresor sexual sen condena social"

Concentración de apoio a Hadriana Ordóñez diante dos xulgados de Compostela este 18 de setembro. (Foto Nós Diario)
Coincidindo co arranque do xuízo a Manuel Luis Álvarez Angueira, previsto ás 9 horas desta cuarta feira na sede da Audiencia da Coruña en Santiago de Compostela, unha trintena de persoas dixeron "non ás agresións sexuais das nosas crianzas".

A Marcha Mundial das Mulleres sumouse esta cuarta feira a varias organizacións feministas que nos últimos días fixeron un chamamento a toda a sociedade para acompañar Hadriana Ordóñez ás portas da sede da Audiencia da Coruña en Compostela. Recibírona con apertas e un cántico que apela a toda a sociedade: "Non estás soa, tes o feminismo". 

Como denunciante, Ordóñez enfronta o xuízo contra o seu tío por abusos sexuais cando era unha crianza. "Hadriana necesita reparar e sandar, algo moito mais fácil estando acompañada por todas nós".

Colectivos feministas xustificaron así un apoio imprescindíbel para quen foi vítima de "abusos sexuais continuados entre 1996 e 2001", cando era menor de idade. "Esta foi a crúa realidade vivida por unha rapaza desde os 10 até os 17 anos, de forma reiterada e en múltiples lugares e formas".

Denuncia en 2017

A Audiencia da Coruña xulga esta cuarta feira Manuel Luis Álvarez Angueira, quen ocupou a Alcaldía de Pontecesures, na comarca de Caldas, (BNG) nos mesmos anos nos que se denuncian as agresións sexuais a súa sobriña. Tras abandonar a política, regresou ao ensino como profesor de Filosofía.

Non foi até o ano 2017 cando Hadriana Ordóñez, sexóloga, feminista e ex concelleira de Benestar Social, Igualdade e Diversidade no Concello de Rianxo, denunciou os feitos. "Xa muller, foi quen de pór nome, de coller forzas, de dar un paso á fronte e denuncialo. Fíxoo pensando nas mozas ás que el tiña acceso nas aulas".

A de Hadriana é unha loita que non é só individual, senón tamén colectiva, por todas aquelas nenas e mulleres que sufriron, sofren e sufrirán violencia machista

Co chamamento público a arroupar Hadriana Ordóñez nos xulgados, o feminismo galego busca unha condena social "pendente" até o momento. "Aínda que foron moitos e moi de agradecer os apoios amosados de forma persoal, por familiares e amizades, non houbo un claro rexeitamento a nivel social", e a proba, engaden as feministas, é que Manuel Luis Alvarez Angueira continuou a súa vida a poucos metros do domicilio familiar, "cobrando da Consellaría até a súa xubilación", sen que a veciñanza, a política ou a educación o reprobasen.

"Non o imos tolerar, nin moito menos silenciar. Todas e todos somos esa nena, que precisa que a sociedade se posicione de fronte e non de lado". O seu exemplo serviu hoxe para amosar ese rexeitamento público "e non violento" que urxen ao conxunto da sociedade. "Non ás agresións sexuais ás nosas crianzas".

O BNG, con Hadriana Ordóñez

Cando en 2017 Ordóñez dununciou Manuel Luis Álvarez Angueira por un delito de abusos sexuais, o acusado negou os feitos e optou por darse de baixa como militante do BNG, partido ao que tamén pertencía a denunciante e a quen a organización política amosou o seu apoio.

Na véspera do xuízo, a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego quixo reiterar o seu apoio "á compañeira Hadriana Ordóñez, así como o noso orgullo e agradecemento pola súa valentía". 

Nun comunicado compartido en redes sociais, o BNG afirma que "Hadriana Ordóñez emprendeu hai anos unha dura loita acudindo á xustiza para que se recoñezan e condenen as agresións sexuais que lle infrinxiu o seu tío cando era menor de idade. A de Hadriana é unha loita que non é só individual, senón tamén colectiva, por todas aquelas nenas e mulleres que sufriron, sofren e sufrirán violencia machista. Unha loita que atopa moitos obstáculos, como o dunha xustiza lenta e patriarcal que maioritariamente cuestiona as vítimas e incrementa o seu sufrimento".

O Bloque fai autocrítica e un chamamento a combater a violencia en todos os espazos da vida, "tamén o da participación e representación política". "Aínda que o acusado non pertenza hoxe á nosa organización, é doloroso que representara o noso proxecto e este caso fai que nos reafirmemos na necesidade de traballar con intensidade para mellorar os recursos e medios para sensibilizar, previr e atender a violencia machista".