O Colexio de Xornalistas demanda "a salvagarda do cumprimento da función de servizo público" da CRTVG

Instalacións da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela (Foto: CRTVG).
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza (CPXG) presentou as súas achegas para a nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza (CPXG) presentou as súas achegas, a través do Portal de Transparencia da Xunta da Galiza, á consulta pública aberta pola Secretaría Xeral de Medios para a realización dunha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital.

O colexio, como entidade que ostenta legalmente a representación do colectivo de xornalistas, apunta no documento presentado que, en consonancia co recentemente aprobado Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación, a redacción dunha nova normativa "non debe supor ningún retroceso nos avances conseguidos nestas décadas" e indica algúns aspectos que debería recoller o texto.

En concreto, os puntos que o CPXG considera esenciais para a nova lei son o "reforzo" do carácter público da CRTVG; a garantía de que a Corporación contará coa estrutura, dimensión e recursos orzamentarios e humanos necesarios para cumprir coas súas funcións, así como "a salvagarda do cumprimento da función de servizo público".

Tamén reivindica "a promoción activa da igualdade" entre mulleres e homes; o estabelecemento de procedementos e mecanismos para garantir a independencia editorial; a creación dun estatuto profesional e do Consello de Informativos; a posta en marcha de órganos de control externo como o Consello Superior do Audiovisual da Galiza, a implantación de medidas para garantir a estabilidade do persoal e o recoñecemento do motor que os medios públicos representan para a produción e innovación do sector audiovisual galego.

"Especial atención"

Neste sentido, a institución reivindica que, de acordo co papel que xoga na sociedade galega, prestou ao longo de toda a súa historia "unha especial atención á situación da radio e a televisión públicas da Galiza".

Así, rememorou que "apoiou desde o seu nacemento iniciativas lexislativas para garantir a independencia e pluralidade da CRTVG" e que en 2005 elaborou unhas propostas para un novo modelo dos medios públicos galegos, ademais de participar no debate parlamentario para a redacción da actual lei dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza.