Parlamento

O PP, á oposición, no debate sobre a renovación da CRTVG: "Defende a Galega é o bulo máis grande da súa factoría de fakes"

A deputada popular Carmen Pomar Toxo acusa a oposición de "querer interferir nos medios públicos".
A bancada popular do Parlamento da Galiza, esta terza feira. (Foto: Arxina)
photo_camera A bancada popular do Parlamento da Galiza, esta terza feira. (Foto: Arxina)

O Partido Popular cargou esta terza feira en sede parlamentaria contra Defende a Galega, o colectivo de profesionais da CRTVG que levan mobilizándose desde maio de 2018 contra a manipulación e a censura nos medios públicos galegos. Fíxoo durante o debate dunha proposición non de lei presentada polo BNG e na que se solicitaba o cumprimento da Lei de Medios de 2011 e proceder á renovación da Dirección Xeral da compañía, ocupada desde 2009 por Alfonso Sánchez Izquierdo.

A deputada popular Carmen Pomar Toxo afirmou, dirixíndose á oposición no transcurso do debate: "Defende a Galega é o bulo máis grande da súa factoría de fakes". A parlamentaria quería así pór en cuestión as denuncias e mobilizacións que persoal da CRTVG leva facendo desde hai anos. Aliás, esta deputada acusou BNG e PSdeG de pretenderen "interferir nos medios públicos".

O BNG, na defensa da PNL, afirmou que con ela quere "pór fin á anomalía democrática" que, sinalou Olalla Rodil, creou o propio PP. "Ao longo dos últimos anos a situación dos medios públicos da Galiza veu empeorando, degradada até o infinito polo uso partidista que o PP desde a Xunta de Galiza fixo e fai dos mesmos", denunciou. Algo que tamén partillou a portavoz do PSdeG no debate, Silvia Longueira, que trouxo a colación as denuncias de persoal ao longo destes anos contra a CRTVG: "É difícil de crer que un medio público chegue a este punto".

A proposición non de lei presentada polo nacionalismo indica que as traballadoras e traballadores da CRTVG levan máis de cinco anos mobilizados reclamando a garantía, o respecto e o cumprimento dos seus dereitos (Estatuto Profesional e Consello de Informativos) así como o fin da manipulación informativa.

Nada diso convenceu á representante do PP, que acusou a nacionalistas e socialistas de querer "interferir" nos medios públicos galegos e negou que na CRTVG exista "manipulación".

 A iniciativa non saíu adiante ao votar en contra da mesma o PP.

Comentarios