O Comité Intercentros da CRTVG confrontará a lei de medios que impulsa a Xunta: "A nosa alegación será a mobilización"

Instalacións da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela. (Foto: CRTVG)
O máximo órgano de representación das traballadoras da radiotelevisión pública galega alerta de que, "se o anteproxecto prospera, a Corporación pasará a ser xa directamente por lei o maior órgano de propaganda do Partido Popular, sen contrapoder algún".

O Comité Intercentros da CRTVG (Corporación de Radio e Televisión da Galiza) acordou esta terza feira que a mobilización será a súa alegación ao “anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital” que a Xunta da Galiza pretende aprobar nas vindeiras semanas, ao remate dun período de alegacións “aberto en pleno mes de agosto para intentar que pase desapercibido e sen contestación”.

O máximo órgano de representación do cadro de persoal da radiotelevisión pública galega considera que o Partido Popular completaría con esta nova lei “o cambio de paradigma de medios públicos no que traballa hai anos, eliminando as últimas barreiras e garantías de servizo público que, polo menos no papel, contemplaba a lei de medios públicos en vigor, para acabar por transformar a CRTVG definitivamente, co suposto aval do Parlamento da Galiza controlado polos populares, no maior órgano de propaganda financiado con cartos públicos ao servizo exclusivo dun partido político, sen contrapoder nin control algún”.

O Comité Intercentros agradece a rápida reacción pública contraria a este anteproxecto do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza, da Federación de Asociacións de Xornalistas de todo o estado español, dos partidos políticos da oposición parlamentaria galega e doutras organizacións profesionais e vencelladas á defensa da lingua, “asumindo un por un todos e cada un dos argumentos feitos públicos por estas entidades estes días”.

A representación das traballadoras advirte que confrontará cunha mobilización intensa, que se acordará en setembro en asembleas, “este anteproxecto absolutista que supón unha burla descarada á democracia, xa que recorre ás maiorías simples para tomar decisións de tanta transcendencia como a aprobación da persoa que ocupe a dirección xeral, os membros do consello de administración ou a aprobación do mandato estratéxico, que marcará a folla de ruta dos medios públicos”.

O anteproxecto, en opinión do Intercentros, resólvelle ademais á dirección actual “as limitacións que tiña para nomear persoal de alta dirección a esgalla ou para facer contratacións artísticas a dedo que esquiven o mérito, a igualdade e a capacidade no acceso ao emprego público”.

O comité de empresa cualifica de “tomadura de pelo infantil” a creación do chamado Consello Asesor de Participación Social e Profesional, unha “entidade fraudulenta coa que o Partido Popular pretende lavar a cara cun verniz democrático mais que, no fondo, reforzará o control dos populares sobre a sociedade pública autonómica ao proceder as persoas que conformarían ese consello de entidades controladas de novo polo partido, deixando, para máis inri, a elección das representantes das traballadoras nese órgano en mans dun Consello de Administracións inzado de representantes populares, aos que ademais se lles prevé expresamente, na nova lei, a posibilidade de perpetuarse no consello se xa formaban parte del durante a vixencia da lei actual”.

“Radicalmente intolerábel” considera tamén o Intercentros a desaparición das figuras do Consello de Informativos e do Estatuto Profesional que contempla a lei en vigor, que por “unha dilación premeditada” por parte do Consello de Administración actual nunca chegaron a crearse.

O anteproxecto substitúe estas figuras, “que poderían axudar a erradicar a manipulación informativa e protexer ás xornalistas, por normas de estilo e autorregulación dos servizos informativos que, unha vez máis, aprobaría o Consello de Administración, o mesmo que non quixo pór en marcha esas ferramentas previstas na lei durante todos estes anos”, explica o comité.

“Non se recolle garantía algunha para manter a xa escasa produción propia”, denuncia tamén o intercentros, “nin se blinda o mantemento dunha estrutura de delegacións territoriais mínima para satisfacer a encomenda de cobertura infomativa de todo o país”.

En cambio, alerta, “desaparece a prohibición de ceder a terceiros os servizos informativos que si recolle a actual lei, unha supresión que xa non disimula a clara intención da Xunta de acabar por externalizar o pouco que aínda se produce con medios e profesionais propios da CRTVG”.

Mais hai dous puntos que, para o Comité Intercentros, “son aínda máis preocupantes”. O primeiro, “a posibilidade que lle abriría a nova lei á Corporación de emitir contidos en linguas distintas ao galego, unha posición política claramente aliñada co bilingüismo que defende o Partido Popular e que ampara o anteproxecto coa escusa de poder dar a coñecer a identidade cultural da Galiza fóra do territorio da comunidade autónoma”.

Para a representación do persoal, “esta gravísima modificación suporía un punto de non retorno nos avances conseguidos a prol da lingua galega desde a posta en marcha do Estatuto de Autonomía e a desnaturalización ou estocada de morte definitiva dos medios públicos do país, que perderían aos poucos ou de vez a súa principal razón de ser para transformarse nunha mera plataforma máis de contidos audiovisuais en español”.

En segundo lugar, o Comité alerta “moi seriamente da confusa situación ou réxime xurídico que a nova lei prevé para o que hoxe é a Corporación, xa que non queda claro no texto que se propón nin a natureza xurídica da sociedade mercantil nin o status legal que terían os seus traballadores e traballadoras, que poderían quedar fóra da protección actual que permite a súa inclusión no ámbito do emprego público”.

Neste sentido, o comité de empresa, pendente de consultas xurídicas, chama ao persoal a “tomar moi en serio o escenario incerto que se abre tamén no eido dos máis básicos dereitos laborais e condicións do traballo”.

O Comité Intercentros intentará, conclúe, “combater esta fraude antidemocrática que se presenta como lei con todas as ferramentas que poida, con especial atención á normativa europea que podería estar tamén a vulnerar o anteproxecto, e redobrará no mes de setembro os seus esforzos por concienciar a toda a sociedade galega do que o Partido Popular persegue en última instancia, pór a CRTVG totalmente xa ao seu servizo”.