Ensino

Concellos galegos critican o feche de colexios: "É un fraco favor ao medio rural"

O CEIP de Beariz (comarca do Carballiño) é un dos centros que a Xunta fechará o próximo curso. [Foto: Nós Diario]
Concellos afectados polos feches de centros educativos e ao recorte no número de docentes oficializados pola Consellaría de Educación comezaron a reaccionar con críticas ante o que consideran un atranco na difícil tarefa que supón atraer e consolidar a poboación nas parroquias do rural.

A pasada cuarta feira, o Diario Oficial da Galiza (DOG) confirmaba que no vindeiro curso escolar a Consellaría de Educación fechará até seis centros educativos, un feito criticado por Concellos que se vén afectados por estes recortes implementados desde o departamento que dirixe o conselleiro Román Rodríguez.

As escolas que deixarán de prestar servizo a partir deste curso 2024-25 son a EEI de Traba, en Laxe (Bergantiños); a EEI de Tal de Abaixo, en Muros (comarca homónima); a EEI de Agro-Baredo, en Baiona (comarca de Vigo); as EEI de Solobeira e de Guillán, ambas as dúas en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), e o CEIP de Beariz (comarca do Carballiño), o único presente neste municipio que desde agora carecerá dun colexio de Infantil e Primaria.

O obxectivo desta supresión de centros, alega a Consellaría, é "adaptar a organización dos centros docentes ás necesidades efectivas da poboación escolar". Esta explicación non convence aos Concellos. O Goberno de Vilagarcía de Arousa, que este curso perderá dúas escolas, criticou os recortes, aos que cualificou como "un fraco favor ao medio rural".

A alcaldesa de Muros, María Lago, afirma a Nós Diario que o feche da EEI de Tal de Abaixo "era unha morte anunciada", ao inscribirse cada ano menos e menos alumnado, o que considera "un claro signo do despoboamento que estamos a vivir os concellos do rural".

O Executivo local que rexe Alberto Varela reivindica as escolas unitarias como "un elemento fundamental para fixar habitantes en zonas despoboadas ao contribuír a consolidar e atraer veciñanza ás parroquias rurais".

Por outra parte, A Pobra do Brollón (Terra de Lemos) perderá o vindeiro curso un dos catro docentes dos que dispuña o centro escolar da localidade, obrigando a que tres docentes atendan 33 alumnas e alumnos de Primaria divididos en dúas aulas de 16 e 17 estudantes. "As familias piden un docente máis e un reparto máis equitativo dos cursos, que agrupan estudantes de niveis moi dispares e superan as ratios recomendadas pola propia Xunta", critica nun comunicado o Goberno que lidera Xosé Lois Maceda.

"Se queremos evitar o despoboamento e garantir a todo o mundo os mesmos dereitos, os servizos que se presten no rural deben ser iguais aos que se presten noutras vilas e cidades", sentenciou o alcalde do Brollón, cuxa comunidade educativa se manifestará este domingo contra os recortes de profesorado.

A maiores, a Xunta da Galiza integrará no CRA de Dodro (O Sar), catro escolas radicadas en Padrón, na mesma comarca: a EEI de Arretén, a EEI A Escravitude, a EEI de Estramundi de Arriba e a EEI de Pontecesures. "É unha moi boa noticia", confirma a Nós Diario o alcalde padronés, Anxo Arca, pois neste caso "garantirá recursos para que o ensino no rural poida continuar existindo".

O acordo de ratios, aos tribunais

Os tres sindicatos que asinaron en outubro de 2023 o acordo educativo coa Xunta –CCOO, UXT e ANPE– estudan recorrer aos tribunais para demandar "o cumprimento ao 100% das baixadas de ratios e horario lectivo. Estas formacións sindicais entenden que Educación iniciou unha aplicación "progresiva" que non está recollida no documento.