Concentración contra o feche do consultorio de Castro de Rei durante os meses de verán

Veciñanza de Castro de Rei (A Terra Chá) protesta polo feche do consultorio de saúde no verán. (Foto: Nós Diario).

Pacientes e usuarias non serán atendidas neste non abrirá de novo até o 16 de setembro.

A veciñanza de Castro de Rei, na Terra Chá, non poderá consultar os seus problemas de saúde, pasar revisións nin completar os controis habituais de medicación no consultorio da vila.

Desde este 15 de xuño e até o 15 de setembro ficará fechado ante a falta de medios para garantir unha atención sanitaria áxil de calidade para a súa poboación de referencia.

Así, a partir desta segunda feira, 17 de xuño, e durante os próximos tres meses, a veciñanza das parroquias adscritas a este consultorio terán que desprazarse até o centro de saúde de Castro Ribeiras de Lea, no mesmo municipio, o cal, denunciou este domingo o BNG local, tamén "en servizos baixo mínimos".

Decisión política

"O BNG sempre vai estar do lado da veciñanza, é unha obriga garantir o dereito á saúde, mais o PP tanto na Xunta como no goberno municipal teñen un obxectivo, esnaquizar os servizos públicos", declarou a concelleira do BNG en Castro de Rei Olga García no transcurso dunha concentración convocada polos recortes.

Xunto á veciñanza e acompañada da deputada provincial, Iria Castro, e da deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel, García reclamou ao goberno da Xunta da Galiza que aplique as medidas precisas para a dotación de recursos, tanto materiais como humanos, para contar con servizos sanitarios plenos.

Segundo subliñou, "é intolerábel que as veciñas e veciños deste concello non contemos con servizos sanitarios dignos, sobre todo as doentes deste centro médico de Castro de Rei que vemos como nos fechan o consultorio dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro".

Para Olga García, esta clausura durante os meses de estío é "unha decisión política, decisión da cal o goberno municipal é cómplice".