Constitúese en Sada a Plataforma polo Transporte Público Digno

Xuntanza de constitución da Plataforma polo Transporte Público Digno, esta sexta feira, en Sada (comarca da Coruña). (Foto: Nós Diario)

Recollen máis de 1.200 sinaturas para exixir ao Goberno galego unha solución aos problemas do transporte metropolitano da Coruña.

Un grupo de usuarias do transporte metropolitano da comarca da Coruña, que recollen sinaturas desde o mes de xuño, convocou unha reunión para a pasada sexta feira na Capela de San Roque de Sada, co obxectivo de constituír unha plataforma e estudar novas medidas para resolver a problemática situación do servizo.

As súas demandas comezan cos cambios que puxo en marcha a Xunta da Galiza o 22 de xuño, modificando as liñas de transporte metropolitano que comunican Oleiros e Sada coa Coruña. Un dos principais problemas que identifican son os denominados “transbordos” por medio duns autobuses denominados “lanzadeiras”. Estes transbordos fanse na Valexa, no límite entre Oleiros e Sada, que é unha zona que non está habilitada para este fin e que supón serios problemas para as persoas con limitacións de mobilidade, ademais de que os tempos de espera se prolongan habitualmente máis de media hora. As usuarias tamén denuncian que a información sobre os horarios é moi deficiente, cando non inexistente.

As promotoras da plataforma demandan que se retomen os horarios e as frecuencias previas ao 22 de xuño, como mínimo, xa que ademais disto hai importantes aglomeracións e, en moitas ocasións, os autobuses non cumpren cos límites de aforamento.

As persoas que participaron na reunión sinalaron problemas adicionais, como a falta de seguridade, a falta de comunicación coa empresa concesionaria (ALSA) e a saturación xeral do servizo. Ademais, o momento elixido para estabelecer estes cambios, co aumento dos desprazamentos debido ás praias, e que son especialmente relevantes precisamente en Oleiros e en Sada, non fai máis que agravar a situación.

Nas últimas semanas, ante as protestas das persoas usuarias e dos concellos de Sada e de Oleiros, a Xunta da Galiza fixo anuncios sobre novas modificacións nas liñas. A última novidade foi a reunión da Directora Xeral de Mobilidade co alcalde de Sada, Benito Portela, que tamén estaba presente na reunión e explicou o contido do encontro. Porén, as persoas afectadas consideran que as solucións que se presentan non resolven o problema, centrado principalmente nas lanzadeiras, que só atrasan e complican o servizo.

A Plataforma estudará novas medidas, como mobilizacións, ademais de continuar coa recollida de sinaturas en demanda da mellora do transporte, que xa conta con máis de 1.200 apoios, e a divulgación do manifesto que presentaron no encontro.

Iniciativas no Parlamento galego

Á xuntanza asistiron tamén a deputada do BNG no Parlamento da Galiza Iria Taibo así como portavoces da formación nacionalista en Sada e Oleiros, Emilio Graña e Iván Roca, respectivamente.

Os representantes do BNG explicaron as iniciativas que presentaron até agora, tanto no Parlamento como nos Plenos de Sada e Oleiros, ademais de incidir en que o transporte metropolitano é un servizo público e o Goberno galego debería protexer os intereses dos usuarios e usuarias en primeiro lugar. Tamén destacaron a importancia de que usuarios e usuarias e concellos afectados fagan unha fronte común ante este problema, xa que a formación nacionalista sempre defendeu un enfoque comarcal para o transporte, igual que para outros servizos públicos.

O BNG rexistrará unha nova batería de iniciativas no Parlamento para demandar a corrección desta situación, ademais de demandar ao Goberno galego que emita informacións verídicas a respecto das novidades e modificacións que vai facendo.