Xustiza

O TSXG rexeita suspender o expediente aberto a Alsa e Monbus por repartirse o mercado

A Comisión Galega da Competencia incoou o pasado ano un expediente sancionador contra dúas empresas, Monbus e Alsa, tras o auto do Tribunal Supremo que inadmitiu os recursos contra a sentenza que previamente determinara a existencia de indicios de repartición de mercado.
Vehículo de Monbus (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vehículo de Monbus (Foto: Nós Diario).

O procedemento sancionador por competencia desleal contra os dous xigantes do transporte por estrada da Galiza segue adiante. O pasado 28 de decembro a Comisión Galega da Competencia acordou abrir un expediente sancionador contra Alsa e Monbus ante as sospeitas de que puideron "repartirse o mercado" e a instancias dunha sentenza do Tribunal Supremo, emitida en outubro, que a obrigaba a facelo.

Naquela resolución, relativa ao concurso de 2020 para renovar as liñas de transporte público interurbano ao que as compañías antes mencionadas acudiron en conxunto perante unha UTE —no caso de cinco das 29 concesións—, o alto tribunal sinalaba a Xunta da Galiza ao constatar que o seu órgano de competencia "nin analiza nin comproba se a distribución de lotes favorece Alsa e Monbus nin se falsea a libre competencia, ou se se adecúa ás exixencias do mercado".

Monbus e Alsa recorreron a apertura daquel expediente solicitando a súa paralización cautelar e agora o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, a través de dous autos —aos que tivo acceso Nós Diario— datados do 29 de maio e 3 de xuño, respectivamente, rexeita esa pretensión ao entender que os argumentos expostos non certifican a concorrencia do principio do periculum in mora —danos irreversíbeis ás partes demandadas, económicos neste caso—.

Os xuíces defenden tamén que a potestade de incoar un expediente sancionador "non é un privilexio" das administracións, senón o "instrumento normal para o cumprimento dos seus fins" en aras dos "intereses xerais", polo que se xustifica o procedemento "cando existan indicios suficientes da comisión dunha infracción".

"Non son máis dignos de protección os intereses da imputada —Alsa e Monbus— en evitar a instrución do procedemento, senón os xerais en que se dea a debida resposta fronte á posíbel comisión dunha infracción e en que se evite o mantemento da impunidade", reiteran os maxistrados nunha das sentenzas.

Comentarios