Consulta aquí os graos que fecharon a admisión nas universidades galegas: máis de 60% das carreiras cubriron todas as prazas

Alumnas na universidade olívica nunha imaxe de arquivo (Foto: UVigo).
Outros 39 graos universitarios galegos fecharon a admisión tras o segundo chamamento para matricularse que a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) publicou esta segunda feira.

Outros 39 graos universitarios galegos fecharon a admisión tras o segundo chamamento para matricularse que a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) publicou esta segunda feira. Súmanse así ás 78 carreiras que completaron as admisións a pasada semana. Así, das 190 titulacións que haberá en total o próximo curso, 117 -61,57%- cubriron xa todas as prazas, con graos completos en todos os campus.

Desta maneira, despois de que no primeiro chamamento non se completase a matrícula en ningún dos graos ofrecidos na Universidade de Vigo (UVigo), nesta ocasión, no Campus de Ourense fecháronse os graos de Dereito, Educación Primaria, Enxeñaría Informática, PARS Informática, Enxeñaría Aeroespacial, PARS Aeronáutica, Relacións Internacionais, Intelixencia Artificial, PCEO ADE e Dereito, PCEO Turismo e Xeografía e Historia e PCEO ADE e Enxeñaría Informática.

No Campus de Pontevedra completáronse as prazas nos graos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Educación Primaria, Publicidade e Relacións Públicas e Deseño. Mentres, en Vigo, os graos que fecharon matriculacións foron os de Dereito, Enxeñaría Eléctrica, Enxeñaría en Organización Industrial, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría Mecánica, Química, Enxeñaría Biomédica, PARS en mestrado en Enxeñaría Biomédica, Enxeñaría da Automoción-Dual, PCEO ADE e Dereito, Enxeñaría Biomédica e Electr. Industrial e Automática, PCEO Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica e PCEO Enxeñaría Mecánica e Electr. Industrial e Automática.

En canto ás notas de corte, no Campus de Ourense as que maior nota requiriron foron os graos de Enxeñaría Aeroespacial (12,420), PARS Aeronáutica (12,348) e Relacións Internacionais (11,370). En Pontevedra, Educación Primaria fechou en 10,026, mentres que en Vigo a nota máis alta foi o 11,950 solicitado para entrar en Enxeñaría Biomédica.

USC e UDC

Por outra parte, na Universidade de Santiago de Compostela (USC) xa non se acepta máis alumnado en Enfermaría, Farmacia, Odontoloxía e Óptica e Optometría. De feito, no campus da capital galega, tan só permanecen prazas abertas no Grao en Ciencia Política e da Administración, en Linguas e Literaturas Modernas, en Filoloxía Clásica e en Xeografía e Ordenación do Territorio. No Campus de Lugo, fecháronse neste segundo chamamento as carreiras de Enfermaría, Nutrición Humana e Dietética e Veterinaria. De todas elas, as titulacións que fecharon con maior nota de corte foron Odontoloxía (12,720), Enfermería (12,018 en Santiago e 11,458 en Lugo) e Veterinaria (11,426).

Por último, na Universidade da Coruña (UDC) completouse a matricula no Grao de Enfermaría -tanto na Coruña como en Ferrol- e do simultáneo de Inglés e Galego e Portugués no campus da cidade herculina. Sobre as notas de corte neste segundo chamamento, Enfermaría fechou cun 11,150 no campus ferrolán e cun 11,556 na Coruña.

Prazos

Agora, o alumnado que fose convocado a matricularse na titulación da súa primeira preferencia terá de prazo desde esta terza feira até a cuarta feira 17 de xullo ás 23.59 horas para formalizar a matrícula. Tal e como explicou a CiUG, unicamente poderán matricularse aquelas persoas que posúan cualificación igual ou superior á da última persoa convocada en cada titulación. Se a persoa solicitante aparece convocada nunha titulación que non sexa a de primeira preferencia poderá esperar a matricularse nela (en sucesivas convocatorias) en tanto non se feche a matrícula nas titulacións solicitadas con maior preferencia. Para iso, deberá volver confirmar na plataforma Nerta que desexa continuar na lista de agarda.