A USC comprométese a impartir un terzo da docencia en galego en 2026

Durante o curso pasado impartiuse en galego aproximadamente 25% das horas docentes nos graos.
Claustro da USC, esta segunda feira, en Santiago. (Foto: USC)
photo_camera Claustro da USC, esta segunda feira, en Santiago. (Foto: USC)

O claustro da Universidade de Santiago de Compostela aprobou esta segunda feira, con 80% dos votos a favor, o seu novo plan de acción de normalización lingüística, co que se compromete a que en 2026 un terzo da docencia se imparta en galego. Esta é unha das principais liñas desta folla de roteiro que ten unha vixencia 2024-2026 e un total de 31 accións repartidas en catro eixos: xestión, docencia, investigación e proxección.

Durante o curso pasado impartiuse en galego aproximadamente 25% das horas docentes nos graos, aínda que no campus de Lugo esta cifra ascendeu até 35%. No caso dos másteres, a cifra ficou en 33%. De acordo cos datos do Servizo de Normalización Lingüística da propia universidade, a presenza do galego nas clases mantense "estábel" e, mesmo, cunha tendencia ascendente: as horas na lingua propia medraron tres puntos porcentuais desde 2015. As porcentaxes máis altas as achegan Ciencias Sociais e Xurídicas (48,2%) e Artes e Humanidades (40,3%), mentres que son notabelmente máis baixas en Enxeñaría e Arquitectura (23,8%) e Ciencias (24,2%).

Máis aló dese obxectivo, o plan aprobado esta segunda feira recolle un reforzo dos recursos humanos e materiais para o Servizo de Normalización Lingüística para poder organizar actividades de promoción activa do idioma.

Plan estratéxico

Durante a reunión o reitor da universidade compostelá, Antonio López, presentou a súa proposta de plan estratéxico para o período 2024-26, que agora entrará nun período de recollida de achegas e alegacións. Adaptado á nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), este documento consta dun total de oito liñas estratéxicas cunha serie de obxectivos a conseguir, coas súas accións correspondentes e cos retos a alcanzar de cara ao 2026.

O reitor tamén presentou o seu informe de xestión do ano 2023, do cal López destacou, entre outros asuntos, o capítulo de renovación do cadro de persoal, un asunto no que hai que "seguir avanzando" porque a USC segue presentando unha idade media das máis altas das universidades do Estado español.

No claustro tamén presentou o seu informe relativo ao curso 2022-23 o Valedor da Comunidade Universitaria, Miguel Alcaraz García, que agradeceu a implicación de todos os órganos e integrantes da comunidade universitaria aos que se lle solicitou a súa colaboración.

Para elaborar este documento, este curso recibíronse 68 consultas, un número similar a anos precedentes, a maioría referidas a aspectos docentes e de avaliación ou sobre procedementos de xestión. A estas hai que sumar 66 queixas, máis da metade formuladas polo alumnado e na súa maioría resoltas nun prazo dun mes.

Comentarios