Controis en adegas e vías para controlar a entrada ilegal de uva foránea

Os controis sobre a uva foránea centraranse nas estradas con Castela e Portugal. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
As viticultoras inciden en que a fraude se reduciu notabelmente. 

Controis nas entradas á Galiza desde Castela e Portugal e inspeccións nos transportes de mercancías e nos accesos ás adegas. Estas son as medidas anunciadas esta cuarta feira polas administracións galega e estatal na súa xuntanza de coordinación para controlar a entrada ilegal de uva foránea na Galiza. Viticultores e viticultoras aplauden que se adopten estas e outras medidas e minimizan a presenza actual desta fraude, que no pasado atinxiu niveis preocupantes. 

O subdelegado do Goberno español en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta cuarta feira a xuntanza de coordinación para controlar a entrada de uva foránea na Galiza na que participaron representantes das administracións e dos Consellos Reguladores. Fontes do sector do viño consultadas por Nós Diario apuntan a que a fraude da uva foránea continúa existindo, mais en niveis moito máis reducidos que hai anos, cando era unha práctica "preocupante". Aínda así, de vez en cando hai operacións que mostran que este delito non desapareceu: en setembro de 2023, por exemplo, incautáronse máis de 19 toneladas de uva foránea procedente de Medina del Campo (Valladolid, Castela e León) nunha nave en Valdeorras.

"Hai que pór todos os medios para que isto non suceda", manifesta Roberto Rivas, viticultor, socio dunha cooperativa na Denominación de Orixe Rías Baixas e presidente da Asociación Galega de Viticultura (AGV-Fruga). Rivas aplaude, ademais, que agora este tipo de medidas se activen no inicio da campaña da vendima, a diferenza de anos anteriores, cando se puñan en marcha mediada a tempada. 

En 2022 decorreron case 250 controis nas estradas entre Castela e o sur da Galiza sobre o transporte de mercancías para evitar a entrada deste produto. O ano anterior, e con datos relativos ao conxunto da Galiza, esas inspeccións abeiraran as 700.

Rivas recorda a época en que a entrada de uva foránea era grande, isto respondía a varios factores: "era máis barata que a producida aquí; outros anos conviña traelas por maduración, ao ter máis graos que as de aquí; ou traíanse porque aquí non había suficiente para atender o mercado".

Novas preocupacións

Para a Asociación Galega de Viticultura (AGV-Fruga), porén, a preocupación actual para o futuro do sector radica nos problemas que deriva da chegada de grandes compañías que adquiren adegas e viñedos na Galiza. Entre eles figura a introdución de "vicios alleos", denuncian, á práctica tradicional do país.

E isto, ademais, nun contexto, no que se presenta unha colleita difícil en varias das cinco denominacións de orixe galegas como consecuencia das circunstancias meteorolóxicas e do impacto de enfermidades sobre as vidas. A Galiza rexistrou en 2023 a vendima máis abundante da última década, segundo constatou a Xunta da Galiza a través do informe elaborado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita a Medio Rural. Así, recolléronse un total de 75.425.734 kg de uva, dos que 66.291.952 kg (88%) foron de uva branca e 9.133.782 kg (12%) de tinta. 

O sector vitivinícola supón 1,4% do produto interior bruto e 1,5% do emprego na Galiza e conta con máis de 219.000 viticultores e 590 empresas.