Controlado o incendio forestal de Cea, que arrasou 55 hectáreas de monte arborado

Incendio forestal en Cea. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Consellaría de Medio Rural tamén informou de que está controlado outro incendio nas Pontes.

O incendio forestal de Cea (comarca do Carballiño), que se iniciou a terza feira, quedou controlado, igual que outro que comezou a cuarta feira nas Pontes (Eume), segundo informou a Consellaría do Medio Rural.

No caso do primeiro incendio, iniciado na parroquia de Oseira, quedou controlado ás 23.55 horas. O fogo iniciouse a terza feira, día 20 de agosto, ás 16.24 horas.

Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 55 hectáreas, todas elas de monte arborado. Para o seu control, mobilizáronse, até o de agora, cinco técnicos, 31 axentes, 41 brigadas, 33 motobombas, catro pas, oito avións e outros tantos helicópteros.

Entre as brigadas mobilizadas, participaron tamén nos labores de extinción dous equipos de bombeiros de Estonia, que se atopan de estancia na Galiza no marco do mecanismo europeo de protección civil.

Este grupo de 20 bombeiros chegou á Galiza o pasado 25 de xullo para realizar adestramentos e regresará ao seu país o próximo día 30 de agosto.

Incendio das Pontes

Por outra parte, no caso do incendio rexistrado no municipio das Pontes, iniciado na parroquia de Somede, esta cuarta feira ao redor das 16.39 horas, quedou controlado ás 21.26 horas.

A superficie afectada foi de 9,5 hectáreas en monte raso e foron ao lugar dous técnicos, 11 axentes, 17 brigadas, 11 motobombas, dúas pas, un avión e cinco helicópteros.