Controlados os dous incendios rexistrados en Vilaboa e Caldas nas últimas horas

Incendio en Vilaboa. (Foto: Nós Diario)
O fogo de Vilaboa afectou unhas nove hectáreas, mentres no caso de Caldas de Reis a superficie calcinada sería de catro hectáreas.

A Consellaría do Medio Rural vén de notificar que os dous incendios rexistrados esta cuarta feira en Caldas de Reis (comarca homónima) e Vilaboa (comarca de Pontevedra) quedaron xa baixo control.

Durante a pasada tarde Medio Rural informara dun incendio activo no municipio de Vilaboa, orixinado minutos despois das 17.30 horas e que foi finalmente controlado pouco antes das 2 horas desta madrugada.

Para sufocar o fogo mobilizáronse seis axentes, quince brigadas, sete motobombas, sete técnicos, cinco avións e catro helicópteros, precisaron desde a Xunta da Galiza. De momento, calcúlase que son nove as hectáreas afectadas.

E apenas uns minutos antes de que o de Vilaboa fose controlado, sobre as 1.45 horas da madrugada, rexistrouse outro incendio en Carracedo (Caldas de Reis) que está controlado desde as 8.38 horas desta quinta feira. A superficie afectada son catro hectáreas e os medios mobilizados foron cinco axentes, oito brigadas, oito motobombas e unha pa.