Este diario continuará a informar sobre as reiteradas denuncias de manipulación feitas polo cadro de persoal

A CRTVG responde a Sermos Galiza

Anxo Pérez entra en directo no Telexornal vestido de negro

A Compañía de Radio Televisión de Galicia remitiu, a través dun despacho de avogados, un requirimento de rectificación sobre unha información de Sermos Galiza a respecto das denuncias de manipulación informativa por parte das traballadoras e traballadores do ente público. 


O despacho de Ferro Abogados, con sede en Ourense, remitiu a Sermos Galiza un burofax a pasada quinta feira, día 12 de xullo, en que se recolle a esixencia de publicación dunha nota de rectificación a respecto da reportaxe Así se manipula na CRTVG, publicada no número 303 do 5 de xullo de 2018 do semanario. Os avogados actúan en nome da compañía pública de radio e televisión de Galiza, que conta con asesoría xurídica propia.


O texto que reclaman publicar afecta a tres cuestións concretas dunha información a dupla páxina. En ningún intre cuestiona o sentido xeral da peza: a descrición dos múltiples casos de manipulación informativa denunciados polo cadro de persoal e que provocaron numerosas protestas, algunhas tan rechamantes como os #VenresNegros. Cada sexta feira, as traballadoras e traballadores da CRTVG visten roupa negra para amosar o seu rexeitamento ao control político do ente público polo Goberno de Alberto Núñez Feixóo. A representación dos empregados, agrupada no comité intercentros, tamén expresou en reiteradas ocasións o enorme malestar existente nos centros de traballo da empresa.


O primeiro dos puntos sinalados na Nota de Rectificación de Ferro Abogados refírese ao informativo da Radio Galega do 26 de xullo de 2017. Na peza de Sermos Galiza, empregouse o exemplo das declaracións de Mariano Raxoi e Felipe González para ilustrar o que profesionais da empresa contactados polo semanario e que preferiron optar polo anonimato denominan “técnica de compensación”. Segundo este proceder, a toda noticia negativa para o Partido Popular —especialmente as relacionadas coa corrupción— acompáñaa algunha semellante relativa aos outros partidos. Tal e como sinala o comunicado remitido polo despacho ourensán, ese día a apertura do informativo radiofónico ocupouno a intervención de Mariano Raxoi como testemuña do Caso Gürtel e non as palabras de Felipe González sobre o secuestro de Segundo Marey gravadas en 1998, como equivocadamente dicía a reportaxe. Malia esta imprecisión, a información sobre González emitiuse nese mesmo programa, aínda que non de forma consecutiva.

 

Os avogados actúan en nome da compañía pública de radio e televisión de Galiza, que conta con asesoría xurídica propia

 

O segundo punto do requirimento asegura que “a información que ofreceu o Telexornal Mediodía da TVG sobre a sentenza do caso Gürtel durou 5 minutos e 10 segundos”. Na reportaxe de Sermos Galiza afirmábase que as instrucións remitidas pola dirección de informativos ao redactor da peza —sempre segundo fontes anónimas da redacción da canle pública— indicaban que a nova non debía durar máis de 50 segundos, 10 de introdución desde o estudio e 40 para o vídeo. Finalmente durou 76 segundos, como consigna a dupla páxina publicada. A Nota de Rectificación non entra neste particular. O resto do tempo de información ao que fai referencia o despacho de avogados son declaracións e reaccións políticas ao ditame xudicial, pero non de explicación sobre o seu contido. En concreto, emitíronse intervencións de Ciudadanos, Podemos e de tres  membros do PP —Martínez Maíllo, o propio Mariano Raxoi e mais Alberto Núñez Feixóo.


O comunicado de rectificación tamén afirma que a noticia sobre a Gürtell apareceu despois das novas referidas á explosión dunha pirotécnica en Paramos (Tui) —así figura na peza de Sermos— pero obvia que entre estas e a relativa á sentenza da Gürtel houbo tres noticias derivadas do Consello da Xunta, como explicaba a reportaxe: a creación do Consorcio Interuniversitario de Galicia, un acordo entre Xunta e Adif para a estación intermodal de Compostela e unhas declaracións de Feixóo sobre a folga da Xustiza. Velaquí a ilustración doutro dos procedementos de “manipulación” que critican xornalistas da CRTVG: a orde das novas no telexornal. “Non é o mesmo situar unha noticia no inicio do telexornal que co informativo avanzado”, expresaban fontes da redacción na reportaxe do semanario.

 

Por último, os avogados que representan a CRTVG mencionan unha pasaxe da peza de Sermos Galiza referida á manifestación do 10 de xuño de 2018 en Compostela contra o proxecto da mina de Touro-O Pino. En base, novamente, a fontes do ente público, escríbese sobre a “evidente desproporción” coa que a CRTVG informa de segundo que feitos e acontecementos. Colócase como exemplo a citada mobilización e explícase que a televisión pública non ofreceu “imaxes do Obradoiro ateigado”, algo criticado o mesmo día nas redes sociais. Non houbo plano xeral da praza compostelá, cando enchela de manifestantes é algo moi pouco habitual. A Nota de Rectificación remitida por Ferro Abogados entra a este respecto noutra serie de cuestións que a reportaxe de Sermos Galiza non trata.


De feito, Así se manipula na CRTVG describe máis situacións de control informativo denunciadas por traballadoras e traballadores. As puntualizacións remitidas polo despacho de avogados, relatadas nas liñas que preceden, en nada mudan o sentido xeral da reportaxe e en boa parte baséanse en discordancia de interpretación dos mesmos feitos. 

 

Sermos Galiza seguirá a informar sobre a CRTVG e dará voz ás múltiples denuncias das e dos profesionais da compañía en defensa duns medios públicos galegos plurais e de calidade.


 

Este texto foi publicado inicialmente no número 305 do semanario, á venda na nosa loxa.