A defensa do maquinista critica a sentenza do Alvia e anuncia que recorrerá: "Hai tres atenuantes que non se aplicaron"

O maquinista, Francisco Garzón á saída da última sesión do xuízo do Alvia (Foto: César Arxina / Europa Press).
"Non compartimos a sentenza e será recorrida pola nosa parte, porque, ademais, entendemos que hai outro grave erro na sentenza e é a non aplicación de tres atenuantes clarísimas que tiña o maquinista", remarcou Manuel Prieto, avogado que defende o maquinista.

Manuel Prieto, o avogado que defende ao maquinista do Alvia accidentando en Angrois en 2013, "non comparte" a sentenza que condena a dous anos e medio de prisión tanto a Francisco Garzón, como ao ex xefe de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte.

"Non compartimos a sentenza e será recorrida pola nosa parte, porque, ademais, entendemos que hai outro grave erro na sentenza e é a non aplicación de tres atenuantes clarísimas que tiña o maquinista", remarcou. Entre esas atenuantes apuntou as dilacións indebidas, a reparación do dano e a atenuante de pedir perdón ás vítimas que o maquinista "fixo desde o principio".

As dilacións indebidas pasan polo tempo transcorrido entre o accidente, que se produciu en xullo de 2013 e a sentenza emitida en 2024, é dicir, 11 anos despois. "Son unhas dilacións indebidas de forma obxectiva clarísima", acrecentou.

En canto á reparación do dano remarcou que a "única compañía aseguradora" que estivo a indemnizar ás vítimas durante toda a tramitación foi a de Renfe, é dicir, a aseguradora do maquinista. "E a sentenza vén dicir que, para que se aplique esa atenuante, tiña que pagar o maquinista, é dicir, como un traballador vai pagar 25 millóns de euros", cuestionou.

A terceira atenuante pasa por pedir perdón ás vítimas, que o maquinista "fixo desde o primeiro momento". "Di a xuíza, que mantivo a súa defensa. Obvio. É que pedir perdón e facer a defensa penal non son incompatíbeis e así debe ser", explicou. Por todo iso, continuou, aínda pondo a pena máxima, "debería reducir" a condena do maquinista "a menos de seis meses de prisión".

En canto á condena a Cortabitarte, apuntou que "cre que é o responsábel penal" e, por tanto, "debería ser condenado". "Efectivamente é o garante, o que non fixo o que tiña que facerse para que a liña fose unha circulación segura", criticou o avogado do maquinista Francisco Garzón.

Sentenza

Todo iso, tras coñecerse esta sexta feira que o Xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela condenou a dous anos e medio de prisión tanto ao maquinista, Francisco Garzón, como ao ex xefe de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, polo descarrilamento do tren Alvia ocorrido na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013.

Nesta sentenza con data de 26 de xullo de 2024 -un día antes de cumprirse un ano desde a finalización do xuízo e dous días despois do 11 aniversario do sinistro-, a xuíza Elena Fernández Currás considera probado que ambos son responsábeis de 79 delitos de homicidio e de 143 de lesións por imprudencia grave.

Ademais, quedan inhabilitados para o exercicio das súas profesións durante catro anos e medio e deben indemnizar con máis de 25 millóns de euros ás vítimas, con responsabilidade civil directa de QBE e Allianz Global, aseguradoras dos organismos públicos Renfe e Adif.