Sanidade pública

O Defensor do Paciente denuncia ante a Fiscalía os atrasos nas revisións oncolóxicas na Galiza

Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (Foto: Sergas).
"Os números son brutais de mulleres que segue sen ser chamadas e con iso están sen saber se teñen un problema grave por esa falta de prevención e seguimento", conclúen.

A asociación O Defensor do Paciente dirixiu unha carta ao fiscal xeral da Galiza, Fernando Suanzes Pérez, para "achegarlle o que puidemos coñecer e que pola súa gravidade solicitámoslle unha investigación de oficio". Refírense desde a asociación ao "abandono de funcións da Xunta da Galiza ao pór en grave risco ás mulleres con patoloxías oncolóxicas", despois de que pacientes da área sanitaria de Compostela compareceran esta segunda feira en público para denunciar os "inxustificábeis atrasos e demoras" do Sergas nas necesarias revisións que deben facer no seguimento da evolución do seu cancro.

"A prevención de valoración do seu estado lles importa nada", afirma o colectivo. "Un delito que como dicimos debe ser investigado, estas mulleres non están enfermas por capricho", engaden desde o colectivo O Defensor do Paciente.

"Non entendemos como é posíbel que se tente aforrar en diñeiro e se poña a vida das mulleres en perigo habendo un protocolo de obrigado cumprimento, a prevención é vital para salvar vidas", explican. "Os números son brutais de mulleres que segue sen ser chamadas e con iso están sen saber se teñen un problema grave por esa falta de prevención e seguimento", conclúen.

"Esperamos a súa boa disposición ao que lles pedimos e que como dicimos que dunha vez por todas se utilice a norma, non facelo é un delito de abandono de funcións e de pór en grave risco a vida das persoas", inciden.

"Acollémonos para que tomen medidas e interveña en base ao Artigo 376 do Código penal", o cal expón que "O funcionario público que, abusando das súas atribucións, comete ou ordena, en prexuízo de alguén, un acto arbitrario calquera, será reprimido con pena privativa de liberdade non maior de dous anos". "Tamén o chamariamos abuso de poder", denuncian.

"Tamén a nosa solicitude como sempre, está fundamentada en que o artigo 262 da Lei de Axuizamento Criminal obríganos aos que polo seu cargo, profesión ou oficio tivesen noticia dalgún delito público, a denuncialo inmediatamente ao Xuíz ou ao Fiscal", rematan.

Reunión coa Consellaría

Ante esta situación, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o novo xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza, Ángel Facio, convocaron a unha reunión de urxencia á Asociación de Pacientes do CHUS, cuxo presidente, Fernando Abraldes, destacou a "intención" dos novos dirixentes de escoitar as súas peticións e abordar as mudanzas pertinentes para emendar o colapso: "Houbo un cambio de actitude respecto á anterior xerente", dixo Abraldes.

A denuncia das pacientes oncolóxicas coincidiu onte coa toma de posesión do novo xerente da área sanitaria, Facio, que substitúe Eloína Núñez e que prometeu "diálogo" coas doentes  como “eixo fundamental” do sistema sanitario. Tamén o conselleiro amosou vontade de dialogar coas pacientes do hospital da capital galega.

Pola súa parte, a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, referiuse a esta situación agardando que o novo xerente chegue ao cargo coa intención de “solucionar os gravísimos problemas” existentes.