Mobilidade

Denuncian que Renfe deixa Galiza con catro unidades de Cercanías Largo Métrico das oito destinadas ao país

Tren FEVE circulando por Viveiro, na comarca da Mariña. (Foto: Enrique Pernas).
"A resposta de Renfe é deixar o tramo Ferrol-Ribadeo sen as unidades necesarias, nin sequera para un funcionamento mínimo", censuran desde a Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo.

A Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo denunciou esta cuarta feira que Renfe suprimiu catro das oito unidades de Cercanías de Largo Métrico, a antiga FEVE, que están asignadas á Galiza, deixando o país "con tan só catro unidades", a metade das que operan habitualmente. Isto, ao seu xuízo, provocou "diversas supresións nos traxectos entre Ferrol e Ribadeo, co problema que supón o transporte alternativo".

Nun comunicado, desde este colectivo aseguran que "Renfe desprazou unidades en pleno funcionamento na Galiza cara a outras comunidades". En concreto, ás rexións de Asturias e Cantabria, enviando a última "paradoxalmente, uns días despois do Foro Experiencia Cliente realizado en Ferrol por Renfe, para presuntamente coñecer a opinión das persoas usuarias".

Desde a Plataforma critican que se trasladen unidades en funcionamento da Galiza cara a comunidades que "contan con talleres con moitos máis medios que Ferrol, pero que acumulan unidades sen reparar durante meses e anos", detallando que cando os trens da antiga FEVE "están estábeis en Ferrol", pois "as avarías redúcense paulatinamente".

Sen interventores

Tamén advirten que "segue sendo manifesta a falta de interventores nos servizos, propiciando que a moitos usuarios lles resulte imposíbel facer efectivo o pagamento do billete ou realizar consultas" e, que desta maneira, "as unidades teñan que facer todas as posíbeis paradas no percorrido rexional (Ortigueira-Ribadeo), existan usuarios ou non, evitando recuperar posíbeis atrasos, cun maior gasto de combustíbel e esforzo nas unidades".

De cara ao verán, desde esta plataforma estiman que se producirá unha "alta ocupación e demanda", sobre todo na Mariña, motivada pola actividade turística, acceso a praias, excursións e diversas festas.

Tamén lembran que "hai constancia de que en diversas ocasións se realizaron viaxes ao límite de capacidade de ocupación", pero que, en lugar de programar a duplicación de unidades, "a resposta de Renfe é deixar o tramo Ferrol-Ribadeo sen as unidades necesarias, nin sequera para un funcionamento mínimo".

Por último, critican "a compracencia do Goberno do Estado e a indiferenza da Xunta da Galiza, que só se acorda nunha nota de prensa anual".

Resposta de Renfe

Renfe saíu ao paso destas críticas asegurando que a súa frota de trens "pode usarse en diferentes servizos e territorios" segundo as súas características específicas e necesidades operativas puntuais. Fontes da compañía consultadas por Europa Press reivindicaron que a empresa "sempre facilita a mobilidade dos viaxeiros cun servizo alternativo" para que poidan chegar ao destino.