Desactivado o nivel 2 de alerta en toda Galiza

Imaxe aérea do incendio en Vilar de Cervos [@BrifLaza]

Permanecen activos focos de incendio na Pobra de Trives e Melón mentres que o de Melón foi estabilizado. APDR convoca unha concentración.

Após unha semana sen tregua Galiza espertou sen situación 2 de alerta, o indicador empregado pola Xunta para advertir do elevado risco en nucleos poboacionais pola proximidade das lapas. 

Así as cousas, continúa activo o incendio forestal de Navea (Pobra de Trives) onde xa arderon perto de 200 hectáreas, e unha vivenda, e controlado o de San Tomé (Cervantes, Os Ancares) onde arderon por volta das 30 hectáreas. Aliás, está estabilizado o de Melón que atinxe unha superficie de 100 hectáreas, segundo a información publicada pola Consellaría de Medio Rural. 

Concentración

A Asociación pola defensa da ría (APDR) convocou de urxencia unha concentración esta quinta feira (18 de agosto) ás 20.30h na Praza da Peregrina para reclamar unha outra política forestal e tamén un órgao de control que sancione más prácticas neste ámbito. Así o sinalou o voceiro da entidade, Antón Masa, quen describiu a situación na que se atopa o monte galego como "un polvorín" que crea "as condicións para que arda" embora exista unha "man humana" detrás dos lumes. 

Neste senso, apuntan ao "monocultivo do eucalipto" como un dos principais problemas así como a falta dunha política de prevención que apague os lumes "en inverno" polo que reclaman outra política forestal. Desde a APDR lamentan, aliás, a "redución" do número de persoas que traballan nas brigadas forestais e as condicións de traballo que atinxen este persoal.