Detido un home como presunto autor da morte do home atopado en descomposición nun sumidoiro en Rábade

Polígono industrial de Rábade. (Foto: Google)
Todas as hipóteses están abertas a respecto tanto da identidade do falecido como das circunstancias da morte.

A Garda Civil vén de deter un home como presunto autor do crime do home cuxo cadáver foi localizado na noite desta terza feira nun sumidoiro, a uns dous metros de profundidade, no polígono industrial de Rábade (comarca de Lugo). O arresto do home, investigado por un presunto delito de homicidio, produciuse esta cuarta feira, segundo confirmou a Garda Civil.

O detido será levado ao longo da xornada de hoxe á zona onde foi localizado o cadáver, no polígono industrial, para realizar unha primeira aproximación aos feitos e avanzar na investigación para esclarecelos.

A alerta chegou sobre as 22.45 horas desta terza feira, cando a Garda Civil comunicou o achado dun corpo sen vida aos servizos de Emerxencias e solicitou axuda para rescatalo. Así, o 112-Galiza trasladou o aviso ao 061, aos bombeiros do Eume e ao GES de Friol. Os efectivos desprazados até o lugar conseguiron extraer o corpo do sumidoiro, despois de cortar un tubo da arqueta para poder acceder á persoa.

Fontes da Garda Civil confirmaron á axencia Europa Press que o cadáver foi localizado no marco dun dispositivo de busca dun veciño de Rábade de 40 anos de idade, cuxa desaparición fora denunciada hai uns días por un compañeiro de piso.

Con todo, as mesmas fontes precisaron que o corpo localizado estaba en estado de descomposición e carecía de documentación, polo que se están levando a cabo as dilixencias necesarias para a súa identificación. Todas as hipóteses están abertas a respecto tanto da identidade do falecido como das circunstancias da morte.