Detido o profesor de Lugo denunciado por abusar presuntamente dun grupo de alumnas

Unha persoa pasando esta cuarta feira por diante do CEIP Albeiros de Lugo, onde traballa o profesor detido por presuntos abusos sexuais a un grupo de alumnas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
"De confirmarse estas denuncias, esperamos que a persoa que fixo isto non saia impune e, de non ser certo, evidentemente tamén que a súa honra sexa recuperada", dixo o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

A Policía Nacional detivo na tarde desta cuarta feira en Lugo o profesor do CEIP Albeiros, na cidade amurallada, denunciado por, presuntamente, abusar sexualmente dun grupo de alumnas menores de idade deste centro, unha investigación que se abriu tras recibir varias denuncias da contorna das afectadas. A Consellaría de Educación confirmou á axencia Europa Press que teñen "constancia dos feitos denunciados" e que se iniciaron dilixencias informativas para esclarecer o sucedido e poder adoptar as medidas oportunas tamén desde o ámbito administrativo.

Ao tratarse dun tema especialmente sensíbel que involucra menores de idade, a Consellaría non ofreceu máis detalles ao respecto, se ben trasladou o seu "firme compromiso" coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, aos que ofreceu a súa "estreita colaboración" neste caso.

O conselleiro, Román Rodríguez, trasladou a súa valoración sobre o caso desde Málaga, cidade na que participou esta cuarta feira no III Foro de Educación, Innovación e Tecnoloxía 'Navegando cara ao futuro educativo con creatividade, tecnoloxía e transformación innovadora'. "De confirmarse estas denuncias, esperamos que a persoa que fixo isto non saia impune e, de non ser certo, evidentemente tamén que a súa honra sexa recuperada. Por iso é moi importante que se investigue e chegue ao fondo deste asunto", manifestou.

Rodríguez, que cualificou os feitos investigados como "completamente anómalos e reprochábeis" no caso de se confirmaren, fixo un chamamento a seguir colaborando coas autoridades para verter luz sobre o sucedido: "Unha vez que se coñece e está xa no ámbito xudicial, fóra do ámbito educativo, hai que tomar as medidas necesarias para que isto non se volva repetir", engadiu.

Consultado polo tempo transcorrido desde que as menores denunciaron os abusos presuntamente sufridos por parte do docente até que a Administración galega foi notificada, o titular de Educación da Xunta asegurou que a actuación dos responsábeis do centro educativo decorreu conforme aos seus "protocolos internos". "Supoño que se verían desbordados no seu momento e estarían tamén vendo se era ou non era puníbel o que se estaba comentando", reflexionou Rodríguez.

O centro rexeita facer declaracións

Nas instalacións do CEIP Albeiros, o centro educativo no que cursan estudos as menores, a xornada lectiva desenvolveuse con aparente normalidade, aínda que a porta principal de acceso ao colexio permanecía selada ao mediodía cun cadeado.

Tanto a dirección do centro como os responsábeis da ANPA rexeitaron facer declaracións sobre un caso que se atopa en mans da Policía Nacional e no que non se descarta, polo de agora, que poidan producirse novas denuncias.