Manifesto polo Día do Medio Ambiente: "A ampliación da Rede Natura galega non pode agardar máis"

Mapa da Rede Natura 2000.
No Día Mundial do Medio Ambiente, medio cento de colectivos ecoloxistas e naturalistas reclaman a ampliación "urxente" e a mellora da xestión dos espazos naturais protexidos do país.

No Día Mundial do Medio Ambiente, medio cento de colectivos ambientalistas reivindican novamente a Rede Nutura 2000 e reclaman a "protección efectiva" da natureza. "Porque esta rede de espazos naturais protexidos, creados ao amparo das directivas de Hábitats e de Aves, é imprescindíbel para que a biodiversidade europea teña unha oportunidade de futuro", salientan, a través dun manifesto difundido aos medios esta cuarta feira.

Entidades ecoloxistas e particulares en toda Europa exixen nesta xornada ás administracións que apliquen "todas as medidas necesarias" para garantir a "neutralización de impactos" e a "restauración de hábitats naturais" en todos os espazos protexidos da Rede Natura 2000, sexan Zonas Especiais de Conservación ou Zonas de Especial Protección para as Aves.

Ademais, as entidades asinantes demandan que se amplíe a superficie de Rede Natura 2000 no territorio terrestre galego "de maneira urxente", de forma que, como mínimo, chegue a triplicarse a superficie protexida antes do ano 2030. Isto suporía pasar do "ridículo" 12% protexido actualmente —á cola do Estado español— até o 36% a seis anos vista, "porcentaxe que xa permitiría asegurar a conectividade de hábitats e especies de conservación prioritaria".

Con todo, salientan que esta protección "debería ir da man dun correcto manexo dos espazos", apoiada en plans de xestión e unha "vixilancia efectiva" destas áreas protexidas. As entidades asinantes insisten tamén na necesidade de que se aumente o número de efectivos encomendados a labores de xestión, vixilancia e sanción dentro da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos, e que se supervisen de forma eficaz todas e cada unha das áreas protexidas todos os días do ano, incluíndo as situadas no mar.

Entidades asinantes do manifesto

  • Grupo Naturalista Hábitat
  • Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
  • Federación Ecoloxista Galega (FEG)
  • Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)
  • Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA)
  • Asociación de Naturalistas do Baixo Miño (ANABAM)
  • Amigas das Árbores Ourense
  • Asociación Treze-Catorze
  • Brexa Custodia do Territorio
  • Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA)
  • Colectivo das Pedras Galladas
  • Verdegaia
  • Ecoloxistas en Acción
  • Ecoloxistas Galiza "Atlántica e Verde"
  • Ecologistas Galego-Transmontano
  • Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES)
  • CSA Casa Colorida
  • Asociación para a Defensa da Ría (APDR)
  • Asociación RaizameVivo
  • Asociación Sociocultural Entropía
  • Fragas do Ortegal
  • Betula – Asociación para a custodia do Bosque Atlántico
  • Salvemos a Serra Martiñá
  • Comunidade de Monte Veciñal do Xalo
  • Sociedade Galega de Ornitoloxía
  • Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT)
  • Comunidade de Montes Veciñais de Coruxo
  • Plataforma Turonio
  • Amigas da Terra
  • Asociación Ambiental Senda Nova
  • Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro
  • Morcegos de Galicia
  • A Rente Do Chan PLADEVER
  • Greenpeace (Galicia)
  • Asociación Rapa das Bestas Sabucedo
  • Fundação Montescola
  • Asociación Cultural e Medioambiental Tarabelada
  • SOS Suído Seixo
  • Asociación ZOA, cidadanía e biodiversidade
  • Amigos do Patrimonio de Castroverde
  • Asociación ecoloxista de Bueu Anduxía
  • A Lama Vive (Asociación Veciñal Sociocultural e Ambiental)
  • Plataforma para a Defensa do Sur da Dorsal Galega
  • Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes (GEAS)
  • Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas
  • Meta-Comunica (asociación para a liberdade de información e comunicación)
  • Asociación Lobo
  • Asociación Couto da Eirexiña
  • Grupo Lobo
  • Ecologistas en Acción de Cádiz