Mobilidade

Tres días consecutivos de atrasos desde a estrea dos trens Avril

Tren Avril na estación de Vigo-Urzaiz. (Foto: Europa Press)
As pasaxeiras e pasaxeiros afectados esta quinta feira foron os do tren Avril que debía saír da estación madrileña de Chamartín ás 19.18 horas.

Unha nova incidencia técnica provocou tamén esta quinta feira, na súa terceira xornada após a 'inauguración', atrasos na conexión da AVE Avril entre Vigo e Madrid. Neste caso, as pasaxeiras e pasaxeiros afectados foron os do tren Avril que debía saír da estación madrileña de Chamartín ás 19.18 horas.

Fontes de Renfe consultadas por Europa Press confirmaron que, debido a unha incidencia técnica, o tren con destino a Vigo partiu finalmente con 55 minutos de demora. No resto da xornada non houbo incidencias, aínda que esta é o terceiro día consecutivo no que se rexistran problemas técnicos. E é que o segundo AVE Avril que partiu na mañá desta cuarta feira da Galiza tamén chegou a Madrid con algo menos de 20 minutos de atraso.

Neste caso, unha incidencia cunha porta atrasou a saída do tren desde Vigo uns 25 minutos, pero foi solucionada e o convoi só chegou 18 minutos despois da hora prevista á capital española.

Esta situación deuse precisamente un día despois da estrea destes trens esta pasada terza feira, cando o primeiro Avril que saíu da Galiza tamén quedou parado máis de dúas horas e media a escasos metros da estación de Ourense por unha incidencia no tren.

Renfe subliñou que se mantén o seu compromiso de puntualidade, polo cal se estabelecen distintas compensacións ás persoas usuarias. En concreto, ao tratarse dun AVE, se o atraso na hora de chegada a destino é superior a 15 minutos devólveselles aos pasaxeiros o 50% do seu billete. No caso de que supere os 30 minutos, os viaxeiros recibirán o 100% do prezo que pagaron polo seu traxecto.