O xuízo por vulneración de dereitos fundamentais dunha xornalista da CRTVG, visto para sentenza

Concentración de traballadores da CRTVG perante o Xulgado do Social de Compostela. Foto: Laura R. Cuba

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, non asistiu na mañá desta terza feira ao xuízo por vulneración de dereitos fundamentais dunha xornalista da compañía. No seu lugar fíxoo a directora de recursos humanos, Susana Fernández Veiguela, quen finalmente a acusación decidiu non interrogar. A xuíz do caso, instruído no Xulgado do Social número 1 de Compostela, reservouse valorar en sentenza a decisión de non acudir de Sánchez Izquierdo.
 

O executivo non acudiu por un problema de saúde, aínda que este particular non foi notificado no xulgado nin ás partes. Tampouco a defensa fixo referencia a el.

 

Paradoxalmente, a avogada do director xeral da compañía procurou centrar a vista na intervención deste no Parlamento galego que, afirmou, fora preparada por Fernández Veiguela. Foi alí, na comisión de control da compañía pública o 31 de novembro de 2017 e en resposta a unha pregunta do PSdeG, cando verteu cualificacións sobre unha redactora que, para a acusación, “danan a consideración profesional da traballadora”.

 

Sánchez Izquierdo explicaba, en sede parlamentaria, o recurso de amparo ao comité de empresa presentado pola xornalista logo de que os seus superiores lle impidesen locutar unha información o 6 de setembro de 2017. A citada noticia referíase a un jihadista detido en Melilla e que fora militante do PP. Esta última circunstancia foi a que a coordinadora do informativo A Crónica e o xefe de informativos da radio pública non quixeron que a traballadora expuxese en antena. No medio da lectura da noticia, e aproveitando un corte de voz, apercibírona. Ela acatou as instrucións.

 

Despois dos feitos, a redactora -contratada en prácticas- pediu amparo ao comité de empresa, que llo deu e, seguindo o seu protocolo, informou do conflito a medios de comunicación, sindicatos e partidos políticos.

 

Cando Alfonso Sánchez Izquierdo compareceu no Parlamento de Galiza para explicar a actuación dos directivos da radio e mais do amparo do comité, falou de “indisciplina” -malia que obedeceu e retirou a parte da noticia segundo lle ordenaron- da xornalista; referiuse a un presunto “código deontolóxico” da compañía que esta non respectara; tildouna de “fachendosa” e de “xactarse” nas redes sociais da súa petición de amparo -un dereito dos traballadores e traballadoras da CRTVG; revelou que era afiliada a un sindicato -factor que ela nunca fixera público na empresa- e falou de que, se cadra, “quere enganar a quen non coñece” o funcionamento da Radio. Chegou a apoñerlle actuar “sen base legal nin deontolóxica”.

 

O avogado da traballadora expuxo no xuízo que a súa demanda “complexa” afectaba a catro ámbitos: o das liberdades sindicais, o da tutela xudicial efectiva, o do dereito á honra e o do dereito á intimidade. “Non existe ningún criterio xornalístico estándar na CRTVG”, lembrou, “e a CRTVG foi o único medio que non recolleu a militancia no PP do jihadista”. Non obstante, a xuíza -cuxas intervencións transcorreron integramente en galego, igual que as das partes- desbotou toda argumentación de acusación e defensa respecto ás decisións editorias da Radio Galega.

 

Porque do que tratou finalmente o xuízo foi do “trato denigratorio” e das “manifestacións gratuítas e innecesarias” de Sánchez Izquierdo en sede parlamentaria. “Gratuítas e innecesarias porque ninguén lle preguntaba por iso”, recordou o avogado da acusación. A defensa, pola súa banda, intentou argumentar que non houbera “menoscabo” nin “insultos” na intervención parlamentaria do director xeral e que, en todo caso, fora a coordinadora da Crónica a “perxudicada” polo recurso de amparo admitido polo comité de empresa.

 

O xuízo quedou visto para sentencia. Na entrada do Xulgado do Social de Fontiñas concentráronse dúas ducias de traballadores e sindicalistas en solidariedade coa xornalista, cuxa demanda está cifrada en 105.000 euros para que, argüíu o avogado, a compañía abandone estas prácticas sobre os empregados.  

 

Nota: o titular desta información foi modificado despois de saber esta redacción dun problema de saúde do director xeral da TVG; porén, esta circunstancia non foi notificada no xuízo.