A dixitalización na industria vitivinícola centrará o XII Foro do Albariño

Elisa Rubí e Xosé Ramón Durán-Roque, esta cuarta feira. (Foto: Adegas Terra de Asorei)

O Curso de Verán da USC desenvolverase en colaboración con Adegas Terra de Asorei e a Asociación Adegas do Salnés e co patrocinio do Consorcio Zona Franca de Vigo.

A Directora do Curso de Verán da USC, María Cadaval, a secretaria Elisa Mª Rubí Cano, o Presidente-Conselleiro delegado de Adegas Terra de Asorei, Xosé Ramón Durán-Roque, presentaron esta cuarta feira unha nova edición do Curso de Verán da USC “A dixitalización na industria vitivinícola. O mundo dos viños galegos (4º edic). XII Foro do Albariño” que decorrerá os días 4 e 5 de xullo nas instalacións de Adegas Terra de Asorei, en Meis (O Salnés).

O curso está dirixido ao alumnado, profesorado universitario e de formación profesional, profesionais do sector do viño mais tamén ao público en xeral que teña curiosidade por achegarse ao mundo do albariño actual e ás tendencias e novidades que hai dentro do sector dedde unha mirada transversal e multidimensional.

Elisa Rubí, como secretaria do curso, destacou que “a dixitalización supón hoxe en día un eixo fundamental para o sector vitivinícola, a súa transformación é constante, así, hai que adaptarse ao mundo cambiante e anticiparse ao que virá no futuro, así xorde a gran necesidade de modernización a través da dixitalización”.

Tamén indicou que “este cambio implica a integración das novas tecnoloxías para aproveitar ao máximo o potencial da trazabilidade do produto, e tamén como unha garantía de calidade ao consumidor”.

Xosé Ramón Durán-Roque afirmou que “neste curso queremos facer unha reflexión desde o sector primario, desde a viticultura, desde a empresa, como unha adega familiar, e reflexionar sobre a dixitalización, escoitando a profesionais e referentes. O mundo do albariño, a arte de elaborar viño, non pode estar alleo aos constantes procesos de modernización e avances que hai. Se sumamos e incorporamos as novas técnicas, a arte e tradición de elaborar viño, seremos máis eficientes e tamén gañaremos en honestidade para presentarnos ante os consumidores. Por iso, queremos escoitar, reflexionar, aprender dos avances da dixitalización que poidamos incorporar ó coidado dos nosos viñedos e a elaboración dos nosos albariños. O ano pasado reflexionamos sobre a sostibilidade e a economía circular”.

Nesta liña, Rubí indicou que neste ano seguirán contando coa colaboración de expertos na Universidade, como Amparo Alonso, Catedrática da UDC e presidenta da Asociación Española para la Intelixencia Artificial (Aepia), o Gumersindo Feijoo Costa, Vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, e con expertos do Cluster da alimentación da Galiza.

Presentaranse resultados do proxecto da Xunta da Galiza denominado “IMPULSA”, coa aplicación da rastrexabilidade dixital. E algunhas empresas presentarán exemplos desa dixitalización-automatización, como Sigena Bodegas, empresa especializada na instalación e tecnoloxía dos procesos de produción do viño nas adegas, ou exemplos de aplicacións de software ou móbil para a xestión dos viñedos, como ISAGRI, FARMABLE, oSIGris.

Durán-Roque destacou que “neste ano escoitaremos a xente da empresa Jealsa, referencia como unha empresa de carácter familiar, de sector primario e asentada na comarca do Barbanza, á beira da ría de Arousa, referente de empresa dixitalizada, de calidade e de presencia internacional”. “Debemos aprender e pór en valor destas experiencias que temos á beira”, afirmou.

O XII Foro do Albariño tamén permitirá escoitar a Associació d’Elaboradors i Viticultors Corpinnat (AVEC)”, Corpinnat, Marca Colectiva da Unión Europea nacida coa vontade de distinguir os grandes viños escumosos elaborados no corazón del Penedès, a partir de uva 100% recolectada á man e vinificada integramente na propiedade, cunha elaboración “pegada á terra e con respecto á natureza, pondo en valor ditos escumosos cataláns de longa duración e gran calidade”.