Docentes e Anpas cuestionan o plan Mega de Educación

O conselleiro, Román Rodríguez, no centro, onte na presentación do Plan Mega (Foto: Xoán Soler / Xunta da Galiza)
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou esta terza feira o Plan Mega de mellora educativa da Galiza á comunidade escolar, un conxunto de seis programas entre os que figura, anunciou o titular, a incorporación aos centros de ensino de 400 docentes adicionais en apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais. Porén, parte do persoal docente e da comunidade educativa ve este anuncio como "un parche".

educación do futuro, cunha maior atención personalizada ao alumnado, e vencellando a calidade propia do ensino coa igualdade de oportunidades". Así resumiu esta terza feira Román Rodríguez o Plan Mega de mellora educativa da Galiza na presentación pública desta iniciativa, que ten como medida estrela a incorporación de 400 docentes a maiores. "Propaganda", resume a Nós Diario Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, "nunca tanto cargaron o bombo".

Para a central máis representativa do profesorado galego, o plan Mega é "unha megafraude", que non fai senón reunir "programas que xa existían". A respecto da incorporación deses 400 novos profesores, Bermello é contundente: non vai haber o desdobramento de aulas para mellorar a atención a este estudantado con necesidades que contemplaba o acordo da Xunta da Galiza cos sindicatos CCOO, UXT e ANPE e no seu lugar van "mandar" 400 docentes a outros tantos centros "cando na Galiza hai máis de 1.000 centros". 

Isabel Calvete, da Confederación Anpas Galegas, pregúntase "que hai de certo" neste anuncio do conselleiro de Educación. "A verdade é que a estas alturas, ás portas do inicio do curso, soa un pouco a fume este anuncio de 400 novos docentes que se van incorporar para a semana", considera.

Ademais, prosegue, a actuación nestes anos da Consellaría de Educación no que atinxe ao alumnado con necesidades educativas non foi precisamente "destacábel". Así, lembra a situación que viven centros que ao remate do curso non sabían se no seguinte ían ter os necesarios especialistas para atender o alumnado de atención preferente. "A verdade, non sei como imos ter o ensino inclusivo do que fala [a Consellaría] cando falta tanto para achegarnos a iso", apunta.

Acordo

Os tres sindicatos asinantes do acordo coa Consellaría de Educación para iniciar a baixada de ratios —CCOO, ANPE e UXT— a partir deste curso sinalan que este "frea en seco a sangría" da eliminación de aulas e docentes. "Grazas á súa sinatura, inverteuse a tendencia, que xa viña sendo habitual cada inicio de curso na última década", destacan as organizacións nun comunicado conxunto emitido esta terza, a pouco máis dunha semana de que arrinque o período lectivo.

 Segundo as cifras que expoñen estes sindicatos, a baixada de natalidade propicia que neste curso 2024/25 en Infantil e Primaria haxa 2.747 alumnos e alumnas menos nos centros públicos. Con todo, aínda que esta diminución "é moi similar" á de anos anteriores, nesta ocasión o acordo que reduce as ratios —a 20 estudantes máximos por aula, empezando este ano por 4º de Infantil— permite non só "evitar o feche" de 204 unidades, senón tamén contar con "10 máis" que o curso anterior.