Dous episodios de violencia machista na mesma noite

Ingresa en prisión o home que acoitelou a súa ex-parella en Carballo. Detido un varón en Pontevedra por bater na súa excompañeira nun pub.

Dous episodios de violencia machista tiveron lugar na noite do sábado ao domingo en Galiza, un en Carballo e outro en Pontevedra, e en ambos os dous as vítimas foron ex-parellas dos presuntos agresores. A persoa detida en Carballo está xa en prisión. Foi detido na súa casa despois que na noite do sábado ao domingo dera tres coiteladas á que fora a súa ex-parella á saída dun bar de copas. Ela estaba gozando dunha cea de empresa cando o varón se ofreceu a acompañala ao seu vehículo. Foi alí, no aparcadoiro, onde a tería acoitelado, no ombreiro e na mama, para despois darse á fuga. A vítima non quixo presentar denuncia.

En Pontevedra foi detido un varón de 46 anos de idade por bater nun local de copas na súa ex-parella. Un particular alertou á Policía despois de que esa persoa empurrase e comezase a golpear á muller no interior do local. A intervención de varios clienets derivou nun altercado. O detido está acusado de cometer un delito de xénero.