VIOLENCIA MACHISTA

Dúas mulleres asasinadas no Estado español en 24h

[Imaxe GzContraInfo]

Unha en Melilla e outra en Zaragoza. Tiñan 22 e 24 anos respectivamente. 

Esta fin de semana e en menos de 24 horas foron asasinadas pola violencia machista dúas mulleres no Estado español. Unha delas en Melilla (22 anos) con denuncia previa por malos tratos e unha orde de afastamento en vigor. 

En Zaragora foi apuñalada unha outra muller, de 24 anos, que faleceu esta segunda feira (11 de xullo) no hospital Miguel Servet. Após a agresión o home tentou suicidarse mais foi trasladado tamén ao complexo hospitalario. 

En ambos os dous casos as mulleres tiñan senllas crianzas

Así mesmo, o domingo a policía municipal da Coruña daba conta do apresamento dun home por violencia machista no barrio dos Mallos embora a detención se tería producido na sexta feira (8 de xullo). 

No que vai de ano o Ministerio de Sanidade español cifra en 22 as mulleres asasinadas pola violencia machista, ás que se sumarían estas dúas últimas. Cómpre sinalar a idade de todas elas que, ao igual que o intento de asasinato rexistrado en Ferrol o 3 de xullo, non supera os 24 anos de idade. No caso de Ferrol a muller recibiu días despois a alta médica. O agresor conta cunha orde de afastamento e incomunicación decretada polo Xulgado de Instrución nº2.