A DXT comeza esta segunda feira unha campaña especial de control de consumo de alcol e drogas na Galiza

Dous axentes da Gardia Civil nun control de tráfico, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Na mesma campaña do ano pasado, 538 condutores foron sancionados por consumo de alcol e 244, por consumo de drogas.

A Delegación do Goberno na Galiza informa de que esta segunda feira, 19 de agosto, comezará unha Campaña Especial de Tráfico co obxectivo de diminuír o consumo de alcol e drogas ao volante. Até o próximo domingo, 25 de agosto, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis de alcoholemia e presenza de drogas nas estradas da Galiza. Nesta iniciativa a Dirección Xeral de Tráfico fomenta ademais a colaboración cos concellos de todo o país para realizar probas en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de maior afluencia turística e de festas populares. 

O alcol está presente como factor concorrente ou causante nun terzo dos accidentes mortais. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente. A única taxa segura é 0,0%. Non só está relacionado cunha maior accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas. 

Segundo os datos do Instituto Nacional de Toxicoloxía referidos ao ano pasado  a nivel nacional, dos 862 condutores falecidos en 2023 en accidente de tráfico e sometidos a autopsia e análise toxicolóxico, un total de 462 condutores (o 53,6%) deron positivo nos resultados toxicolóxicos de alcol, drogas de abuso e/o psicofármacos, illadamente ou en combinación. Nestes resultados, o alcol segue sendo a substancia máis detectada nos condutores falecidos, cun 32,7%, seguido da cocaína e o cannabis, e en terceiro lugar, os psicofármacos. 

Resultados da campaña do ano pasado na Galiza 

Na mesma campaña especial desenvolvida o ano pasado entre o 14 e o 20 de agosto, a Garda Civil realizou 35.961 controis de alcoholemia na Galiza, dos que 538 foron positivos. Tamén efectuou 492 controles de drogas, con 244 positivos. Ademais, a 26 condutores instruíronselles dilixencias para o seu posterior traslado á autoridade xudicial por delitos contra a seguridade viaria.