Ecoloxistas piden denegar a Alcoa o emisario submarino

Balsa de lodos de Alcoa en San Cibrao, Cervo, na Mariña (Foto: Adega).
A entidade ecoloxista denuncia que se solicitase a autorización sen achegar unha avaliación de impacto ambiental da vertedura destes residuos ao mar Cantábrico.

Ecoloxistas en Acción vén de solicitar ao Servizo de Costas en Lugo que rexeite a concesión administrativa para a ocupación de terreos de dominio público marítimo-terrestre con destino ao emisario submarino para evacuación das augas residuais procedentes de Alcoa en San Cibrao, Cervo (A Mariña), pola ausencia dunha avaliación do impacto ambiental.

"Non se avalían as afeccións ao ecosistema mariño nin ás zonas de alto valor ambiental, incluídas en Rede Natura 2000. Tampouco hai un estudo da composición dos residuos evacuados nin o impacto acumulado na calidade das augas tras décadas de vertedura continuada", alerta o voceiro da entidade Cristóbal López.

Segundo sinala a organización ecoloxista, e informa a propia empresa, Alcoa dispón de dous emisarios para verter os residuos industriais ao mar. Estes dous colectores son "supostamente" parte do proxecto inicial do complexo industrial, cuxa autorización de verteduras data de 1979.

Con todo, "a pesar de levar décadas en funcionamento, Alcoa di descubrir recentemente estas tubaxes, unha das cales xa non está en servizo", polo que "agora" solicita autorización.

A organización ecoloxista instou tamén o Goberno estatal a clausurar o emisario submarino de forma cautelar.