Elías J. Torres Feijó, decano de Filoloxía da USC: "Non se debe confundir a Revolución dos Cravos cunha canción"

Elías J. Torres é decano da facultade de Filoloxía da USC e director grupo de investigación Galabra (Foto: Santi Alvite).
Elías J. Torres Feijó (Tui, 1964) vén de ser reelixido decano da Facultade de Filoloxía da USC, a primeira en iniciar a conmemoración do 50 aniversario da Revolución dos Cravos, no mes de abril; e a última en engrandecer a memoria histórica do que supuxo este proceso democrático contemporáneo nos días 7 e 8 de maio. 

—Os 50 anos do 25 de abril gozan na facultade de Filoloxía dun espazo privilexiado. Que motivou esta mirada atenta á pegada histórica e cultural da revolución portuguesa?
Unha institución de ensino superior non pode ser allea aos acontecementos do seu contorno e Portugal é o noso principal contorno en termos galegos. O que foi o 25 de abril e o proceso revolucionario que deu lugar á democracia portuguesa é un dos feitos máis relevantes da historia contemporánea europea, por tanto, unha universidade debe estar atenta a estes fenómenos como espazo de análise e reflexión. Alén diso, a presenza do mundo portugués na Galiza e na USC fará un século nuns anos, coincidindo cos 100 anos do Instituto de Estudos Portugueses, fundando na altura do reitor Rodríguez Cadarso.

Ademais, Filoloxía alberga os estudos dedicados, entre outros, aos países de lingua portuguesa, ás súas literaturas e culturas. Neste sentido, é un dos espazos decisivos para unha acción destas características, que permita unha análise en profundidade dun proceso de hai 50 anos que segue a ter presenza e a ser motor da vida social portuguesa.

—Por volta do 25 de abril comezaron prestando atención á literatura da revolución.
A literatura constituía un dos vehículos máis relevantes de fabricación e transmisión de ideas que había na altura e que circulaban entre determinados sectores e elites sociais que estaban na oposición ao réxime ditatorial portugués e contra a guerra colonial.

Con Izabel Margato vimos algúns dos textos que funcionaban como preludio e visión do que, mesmo antes do 25 de abril, se quería que fose a caída da ditadura e a instauración dun proceso democrático e que culminaron no pequeno poema de Sophia de Mello Breymer Andresen sobre a madrugada do propio día 25.

Tamén tivemos a oportunidade de compartir coloquio con Xosé Fortes, artífice da Unión Militar democrática en setembro do 74, impulsada polo 25 de abril, e con Margarita Ledo, que daquela facía parte da Unión do Povo Galego e que acabaría por exiliarse en Portugal,  iniciando un labor de contacto con forzas políticas portuguesas e de divulgación do mundo cultural e político galego.

O propio día 25 demos a coñecer o volume 50 anos de Abril na Galiza, unha obra coordinada polos profesores Carlos Pazos-Justo e Roberto Samartim que recolle textos de análise do impacto do 25 de abril na Galiza desde distintas perspectivas e mesmo de movementos e persoas que testemuñan o que para eles supuxo esa data.

—E a música, que papel xogou na Revolução dos Cravos?
A canción de intervención, que así se chamaba, foi a outra gran fábrica de ideas. Nós convidamos Rui Pato, aquel rapaz que con 16 anos comezou a tocar con Jose Afonso. Con el percorremos a formación do que naquela altura era un mozo antifascista e republicano, que durante os 60 acompañou o 'Zeca' e Adriano Correia de Oliveria, que foi represaliado pola ditadura, obrigado a mobilizarse no exército e que no 74 acaba nunha ambulancia nas rúas de Lisboa, como médico militar. Pato deixounos moitas aprendizaxes, pero sobre todo a idea de que a liberdade non é para sempre, nun convite claro a tomar conciencia dos dereitos e valores democráticos, que nunca están completamente garantidos.

—Cre que o 25 de abril goza de suficiente recoñecemento popular e institucional na Galiza?
Eu son do que opina que, en termos colectivos, calquera tipo de organización, se non tiver memoria, está perdida. Creo que non goza de suficiente importancia. Que un home como Xosé Fortes, que arriscou directamente a súa vida, non teña ningún recoñecemento, como outras moitas persoas opositoras ao réxime ditatorial, significa que non temos presenza e memoria. Por iso digo que hai que evitar confundir o proceso revolucionario cunha canción. Os símbolos non poden opacar, senón impulsar os espazos de reflexión, de mobilización e de garantía da defensa dos dereitos humanos e democráticos.

—De que forma culminarán o 7 e 8 de maio os actos do 25 de abril?
Após o 25 de abril, o gran momento viviuse o primeiro de maio, foi cando o inesperado golpe se amosou plenamente revolucionario, disposto a acabar, como acabou, coa ditadura e coa guerra colonial. Neste sentido, buscaremos unha análise desde o punto de vista histórico e desde dentro do proceso democrático coas intervención de Pedro de Pezarart Correia, un dos capitáns de abril; Fernando Rosas, historiador e opositor ao réxime naquela altura. Atenderemos aos inicios e ás consecuencias dun movemento que non se explica sen a guerra colonial.

Unha facultade viva, plural e integradora

Elías J. Torres vén de ser reelixido decano da facultade de Filoloxía. "Para min é unha satisfacción", afirma, un desempeño que asume con gusto e grandes desafíos ás portas do 50 aniversario do centro con "maior número de profesorado permanente da USC". En febreiro de 2025, di, será o momento de render contas ante a sociedade e de revisar o propio traballo de formación, investigación e transferencia. "Somos un servizo público e debémonos á sociedade. Será o momento de explicarlle que facemos, cal é o sentido e a utilidade do noso labor".

Torres defende unha facultade próxima ao barrio e á comunidade universitaria, con quen aspira a intensificar cooperación e participación. "Temos que coidar esa magnifica pluralidade para que a facultade poida alcanzar os seus obxectivos e seguir crecendo. Trátase de integrar e deixar un bo espazo de traballo, desenvolvemento e melloría para as xeracións que veñen atrás".