Elisabet Pérez, Nós Mesmas: "As mulleres seguimos coa mochila cargada de machismo, homofobia, bifobia e transfobia"

A activista e fundadora de Nós Mesmas Elisabet Pérez. (Foto: Nós Diario).
Elisabet Pérez (Vigo, 1984) é educadora social e fundadora da asociación feminista Nós Mesmas, unha das entidades promotoras do Orgullo Crítico de Vigo que este sábado, 29 de xuño, chama a reivindicar dereitos que non só atinxen ao colectivo LGBT+ senón a toda a cidadanía, para alcanzar unha sociedade libre, diversa e respectuosa.

—O Orgullo Crítico LGBT+ de Vigo despide este sábado un mes de actividades malia a falta de apoio institucional. Que supuxo para as organizacións de basa sacar adiante a programación?
Nunca contamos cun apoio institucional forte e chegar a este sábado, día de manifestación e da Festa Diversa, supuxo un grande esforzo que realizamos moitísimas persoas. Nós investimos nisto, pero precisamos máis apoio, xa que os requisitos que exixen, como pór catro baños públicos, obrígannos a facer un maior sacrificio económico. Todo o que facemos, programar cada actividade, require un esforzo árido e molesto. E este ano, que atopamos as portas do Concello fechadas e sen apoio extra ningún, o desgaste foi moi elevado, até o punto de propoñérmonos non facer nada.

—Pero non renunciaron.
Non, porque é necesario e porque queremos ocupar as rúas e seguir loitando, reivindicando, denunciando que nos seguen agredindo, discriminando, asasinando... Parece que isto non acontece, pero segue pasando. Por iso é preciso saír, mais o desgaste é enorme. A participación social cada vez é máis complicada. E quen vai tomar a remuda cando quedemos sen folgos? Porque se a toman as institucións e fan disto un Orgullo pinkwashing, como pasa noutros sitios e vemos estes días en Valencia, non é algo que queiramos nin que nos identifique como colectivo de base que loita polos nosos dereitos.

—Cal é a axenda para este sábado?
Estaremos na Porta do Sol a partir das 17.30 horas, coa música da Yaya DJ e un obradoiro de maquillaxe para prepararnos antes de saír en manifestación. A marcha partirá do cruce de Gregorio Espino con Urzaiz, ás 20 horas, e chegará de novo na Porta do Sol. O lema deste ano será 'Liberdade para os pobos. Orgullo e disidencia', o que nos levará a reivindicar, ademais dos nosos dereitos e a diversidade afectivo-sexual, unha saída para o pobo palestino. Até a 1 da madrugada seguiremos a desfrutar da festa coas picadas de La que no Baila DJ e MDJ.

—Cal é realidade das mulleres lesbianas, trans e bisexuais? En que mudou nestes 15 anos de Nós Mesmas?
Malia que o noso obxectivo é empoderar e loitar por los dereitos das mulleres do colectivo, das persoas trans e non binarias, as nosas portas están abertas a todo mundo. De feito, acabo de atender un mozo de 23 anos, gai, solicitante de asilo, que está en situación de rúa e sen praza en ningún albergue, ao que lle procuramos hospedaxe. Pero como día, nestes 15 anos vivimos moitos cambios. Como mulleres LGBT+ a visibilidade aumentou moito, loitamos por los nosos dereitos e conseguimos, desde ter na carteira do Sergas a reprodución asistida, aquí na Galiza, até, a nivel estatal, non ter que casar para rexistrar as nosas fillas e fillos. Pero queda moito por facer porque as seguimos aí con esa mochila cargada entre o machismo, a homofobia, a bifobia e a transfobia. Ademais segue sendo bastante complicado que as mulleres se visibilicen moitas veces no que está relacionado con as súas sexualidade. Pero, imos avanzando, somos unha asociación que temos unha base de mulleres forte e empoderada que quere facer públicas as súas vivencias para que isto cambie.

—A loita da comunidade LGBT+ tamén propiciou avances lexislativos que, mailia todo, non alcanzaron as cotas desexadas.
Reclamamos dereitos firmes para todo o colectivo, dereitos firmes como persoas que somos, que vivimos nesta sociedade. Ao final parece que temos esperar a que se nos concedan dereitos como se non nos correspondesen, como se non fosen dereitos humanos. Na lei aprobada o ano pasado, a lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e a garantía dos dereitos das persoas LGTB+, quedaron persoas fóra, por exemplo, as migrantes ou os menores trans. Temos que seguir loitando para que isto se faga efectivo e vexan a súa identidade recoñecida. Pero tamén o que se conseguiu até agora ten que ter unha reprodución real na sociedade, hai que establecer medidas económicas para que se cumpran esas leis. Vivimos nunha sociedade moi patriarcal, machista e lgbtifóbica e os cambios van moi pouco a pouco.

—Os discursos de odio, que proliferan, non contribúen a acelerar os cambios.
Nos grupos mais mozos é nos que notamos que ese discurso de odio está calando con máis forza. A nosa compañeira que fai o plan de formación nos institutos atopa situacións moi graves de rexeitamento directo e de odio contra o colectivo LGBT+ e tamén contra os dereitos das mulleres. Semella que o discurso feminista e todo este avance dos últimos anos está creando unha polarización aínda maior, reforzada polo discurso político de odio, que existe, e que parece que é válido; porque o di un partido político, porque o reproducen os medios e porque non se lle planta cara como discurso de odio que é.

—As agresións van da man deste discurso?
No último informe estatal de delitos de odio constatouse. Hai un aumento das e vese nos centros de ensino, tamén. O que antes era un discurso era politicamente incorrecto, agora é unha tónica moi común. E ese discurso que asumen, e que defenden como se calquera opinión fose respectábel, lánzano xa cun cariz de ataque, de discriminación e de insulto. Iso xa é unha situación agresiva para a mocidade LGBT+, que non atopa nos centros un espazo seguro para visibilizarse e iso vai afectar, en dúbida, ao seu desenvolvemento persoal. Porque non pode facer unha vida libre.