Retos presentes e futuros dun país diverso: a Galiza que avanza

Ao longo deste mes e especialmente ao redor da próxima sexta feira, 28 de xuño, sucédense actos, manifestacións e celebracións por todo o país. O Día do Orgullo pasou de ser ‘gay’ a agrupar a diversidade LGBT+, de estar centrado nas cidades a medrar nas comarcas. O tecido asociativo vive un mes de intenso traballo organizando e participando en eventos que reivindican necesarios avances e celebran un país hogano máis aberto.
Manifestación polo Día do Orgullo LGBT+ o ano pasado na Coruña. (Foto: / M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Manifestación polo Día do Orgullo LGBT+ o ano pasado na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Alá por xuño de 1981 celebrábase a primeira manifestación do Orgullo no país. Acontecía en Vigo, non por acaso nunha cidade. O espazo urbano é tradicionalmente considerado o lugar no que se expresan as reivindicacións ou, polo menos, no que antes o fixeron. Para as persoas LGBT+ foi o primeiro espazo no que se alzou a voz para reivindicar dereitos. Á vez, é o lugar que no seu día serviu de refuxio para tantas persoas, onde puideron ser elas mesmas e, ao tempo, unirse e crear comunidade para facelo posíbel, nun espazo aínda nunca exento de agresións.

Máis de 40 anos despois, o orgullo volveuse máis diverso e hoxe a sociedade galega, cos dereitos que conquistou, vive a fin do primeiro cuarto de século orgullosa desde as cidades ás vilas e aldeas, seguindo a estela dos primeiros orgullos urbanos e do pioneiro Agrocuir da Ulloa. Á vez, o tecido asociativo xa non radica exclusivamente nas cidades. O salto do urbano ao resto do territorio evidencia unha sociedade transformada e cuestiona prexuízos dun rural que foi mal chamado ‘pechado’.

O tecido asociativo LGBT+

O 28 de xuño, conmemoración da Rebelión de Stonewall en Nova York, é o día central das principais manifestacións, mais este é o mes de maior reivindicación, visibilización e celebración. Chegarmos ao día de hoxe cos dereitos e liberdades que existen é froito do traballo de persoas que loitan todo o ano para mellorar o conxunto da sociedade. Tamén o é do de moitas outras que o fixeron no pasado, cunha historia de conquistas non exenta de sacrificios e dor.

O tecido asociativo vén sendo desde hai anos combustíbel e mando da nave que atravesa o océano camiño dunha sociedade máis aberta e plural. Sermos Galiza analiza o presente con integrantes do movemento polos dereitos e liberdades afectivas e sexuais. Avante LGBT+, Asociación de familias de menores trans -Arelas-, Nós Mesmas, Alas A Coruña ou Colectivo Diverso do Morrazo -Codimo- son algúns dos nomes que figuran na proa dese buque que se move todo o ano, e que neste mes de xuño iza máis altas as súas bandeiras e intensifica o seu traballo por todo o país. “Sempre nos marcamos o obxectivo de desestacionalizar o Orgullo e manter actividade en toda Galiza ao longo de todo o ano”, manifestan desde Avante LGBT+.

A dirección é clara: Ana G. Fernández, presidenta de Alas A Coruña exprésao confesando que “se me poño utópica, eu o que quero é pechar a persiana de Alas, porque iso significaría que o noso labor xa estaría cumprido e non faríamos falta”. Porén, o activismo e gran parte da sociedade ve esa utopía aínda afastada e sen suficientes garantías.

Reivindicacións moi necesarias

O traballo continúa día a día. Cristina Palacios, de Arelas, destaca avances como a existencia dun protocolo de identidade de xénero no ámbito educativo. Mais sostén que é a Xunta da Galiza a que debería “facer todo o traballo que facemos en Arelas”. Moitas organizacións lamentan precisamente a asunción de funcións que a Administración non asume e que urxen. Avante LGBT+ expresa que “non podemos negarnos a ofrecelas a quen as precisa”. Exemplo disto é o acompañamento a vítimas de LGBTfobia ou a formación en materia de diversidade a profesionais en diversos ámbitos.

A Xunta da Galiza, coa ‘Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais na Galiza’, puido marcar un fito en 2014, mais quedou no titular, pois apenas tivo desenvolvemento. Ana G. Fernández, Elisabet Pérez, da asociación Nós Mesmas, e Avante LGBT+ coinciden en que simplemente aplicar a lexislación vixente suporía un avance na calidade de vida das persoas LGBT+. A nivel estatal engádese a Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, cuxa aprobación significa para asociacións como Codimo un dos avances máis significativos nos últimos anos. Quéixanse da imaxe fraudulenta dada por medios de comunicación a esta lei e resaltan os seus beneficios, se ben botan en falta que teña en conta as persoas non binarias, aínda un “reto político pendente”.

Avante LGBT+ critica o progresivo desmantelamento por parte da Xunta da área de Igualdade. Na mesma liña Ana G. Fernández pide reflexión sobre isto lamentando que “a Secretaría Xeral de Igualdade, que xa era unha secretaría, cando cremos que debería ser unha Consellaría, agora é unha Dirección Xeral”.

As asociacións ven na sanidade e na educación, competencias autonómicas, dous eidos esenciais nos que se bota en falta o papel das institucións. Evidénciase a falta de determinación política e de recursos. Centros sanitarios e educativos deberían ser dos lugares máis seguros para calquera membro da nosa sociedade, porén, para unha persoa LGBT+ presentan aínda ameazas.

Alén dos recortes en Sanidade no país, Elisabet Pérez alerta de que se dan casos como o de persoas trans que chegan a unha consulta de psicoloxía e, ante o descoñecemento que existe, se ven aínda na situación de ter que explicarlle á persoa que as atende en que consiste ser trans. É só un exemplo de en que se traduce a falta de traballo en materia de dereitos LGBT+ por parte das institucións. Na mesma liña, desde Codimo critican que “a nivel médico consideramos que seguimos igual que hai 20 anos e isto está ligado á política”. Son tamén moitas as persoas LGBT+ que manifestan enfrontarse a situacións de discriminación en consultas e na Atención Primaria.

Na contorna escolar, espazo fundamental de socialización na primeira etapa vital de toda persoa, saltan alarmas que demandan máis determinación social e política. Malia os avances e a maior visibilización e sensibilización, Cristina Palacios explica como, en parte do seu traballo en centros educativos, se atopa desde hai uns anos con discursos de odio e discriminación en persoas moi novas.

En efecto aumentan os delitos de odio contra persoas trans tanto nas redes sociais como nas rúas, así o recolle o Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, servizo de Alas A Coruña. Cristina Palacios sostén que isto se debe en parte tanto a unha maior visibilidade como a un maior empoderamento e determinación á hora de denunciar, sen obviar que os altofalantes da ultradereita están chegando ás persoas máis mozas. A iso súmanse, engade Palacios, movementos que se autodenominan feministas pero que son transexcluíntes e que contribúen a lexitimar esa violencia, neste caso contra as mulleres trans. Propón o reto inmediato de “concienciar e sensibilizar a sociedade que vive na equidistancia, que é a inmensa maioría”, lamenta.

Avante LGBT+ tamén relaciona o aumento da violencia co aumento da visibilidade. Lembran que “ocorreu nos anos 2000 cando se debateu a aprobación da lei de matrimonio igualitario e unha vez máis no último lustro co debate da lei trans estatal. En ambos os casos rexistramos un pico de agresións tanto verbais como físicas, e incluso asasinatos, que están directamente ligados ao cuestionamento público do noso acceso a dereitos humanos”. Existe unha gran preocupación compartida por todas as asociacións. Os discursos de odio “tradúcense en violencia real”, advirte Ana G. Fernández.

Avances malia a polarización

O aumento das agresións e os discursos de odio amplificados por unha extrema dereita que trata de encirrar e pór en dúbida os dereitos das persoas LGBT+ son ameazas reais a combater, sinalan estas asociacións. As institucións van lentas e ás veces tartariñan e retrogradan. Porén, isto non debe impedir ver que o conxunto da sociedade galega avanza e se fai máis aberta. Así o aprecian desde diferentes colectivos. Avante LGBT+ pon en valor que cada vez existan máis referentes positivos e o gran crecemento de iniciativas e organizacións nunha sociedade que hoxe en día entende moito máis a diversidade e as vivencias das persoas LGBT+.

Elisabet Pérez sinala que actualmente, malia aínda vivirmos “nunha sociedade machista”, hai máis “visibilidade e empoderamento” das mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais. Considera que, no global, Galiza ten moito conquistado e é hogano un espazo moi acolledor para vivir debido “ao traballo activista”. Ana G. Fernández asegura que, en xeral, a sociedade galega dos nosos días é moi aberta e diversa, especialmente se ollamos uns anos atrás. Cristina Palacios reivindica tamén o traballo activista e ve o mesmo avance na sociedade, por exemplo, co crecemento do número de familias en Arelas, da existencia dunha “nova xeración de crianzas e mocidade trans con apoio familiar”.

Corenta e tres anos despois daquel primeiro Orgullo en Vigo, a sociedade é ben diferente. Avante LGBT+ sinala o papel vangardista do país con “proxectos como a Rede Galega de Estudos Queer e o Festival Agrocuir da Ulloa, que son grandes referentes dentro e fóra do Estado”. Os actos reivindicativos e festivos, e con eles a visibilización todo o ano, son unha realidade no rural que sacode o estigma da cerrazón sobre as vilas e as aldeas.

Desde diferentes asociacións estiman o valor comunitario dos espazos rurais como rede de apoio. Son lugares que cada vez poden ofrecer máis seguridade para as persoas LGBT+, sendo xa hoxe potencialmente máis abertos que as cidades. Cristina Palacios expresa que, se ben no rural hai “menos recursos e menos xente”, o acompañamento das familias e a empatía da comunidade é igual ou maior que nas cidades. Ilústranos celebrando que o premio anual de Arelas ‘Escola sen armarios, libre de LGBTIfobia’, que recoñece o labor de centros educativos en “crear escolas sen armarios”, este ano foi para o CPI de Zas.

Desde Avante LGBT+ manifestan neste sentido que “as persoas do colectivo que viven na Coruña ou en Vigo teñen acceso a moitos máis recursos especializados, locais de lecer e oferta cultural, asociacións e comunidade, pero tamén teñen moitas máis probabilidades de seren vítimas de violencia física ou verbal”. Esta mesma asociación sinala que “a calidade de vida das persoas LGBT+ vai en paralelo á calidade de vida do resto de galegas” e que, estando nunha sociedade “notabelmente máis aberta e inclusiva que outras”, afectan aspectos como a precariedade laboral ou o acceso á vivenda, compartidos polas maiorías sociais.

Ollada ao futuro

Hoxe, a galega é unha sociedade decididamente máis aberta e plural. Porén, desde as diferentes asociacións reivindican o necesario papel do activismo, moi especialmente perante ameazas actuais. A suba da extrema dereita en Europa é unha preocupación compartida. O crecente militarismo e os perversos lavados de imaxe instrumentalizando as persoas LGBT+ son tamén aspectos a combater que resaltan diversos colectivos. O que habitualmente se coñece cos termos anglófonos pinkwashing (‘lavado rosa’, instrumentalización da igualdade de xénero) e purplewashing (‘lavado morado’ instrumentalización dos dereitos das persoas do colectivo). Avante LGBT+ exemplifica isto co maniqueísmo de Israel mediante o que xustifica a súa violencia.

As asociacións coinciden en que, con este contexto, os vindeiros anos virán con moitas loitas e moito traballo que facer para que o avance non se deteña malia as forzas reaccionarias que empurran na dirección contraria. Hai moitas razóns para o optimismo e para sentir orgullo dun país diverso, mais tamén para ter prudencia.
Por conseguinte, o activismo galego subliña o necesario carácter reivindicativo dos actos nos que participan por todo o país, afastado da instrumentalización capitalista. A celebración das conquistas de dereitos e de avances sociais ten moita cabida, mais esta non debe eclipsar a loita pendente que se expresa moi especialmente cada xuño. Diferentes colectivos fan un chamamento a toda a cidadanía para formar parte desa loita e construír unha sociedade mellor, libre de odios e de agresións, diversa e na que todas as persoas se poidan sentir seguras, libres, acompañadas e protexidas; na que cada vez sexan necesarias menos reivindicacións e teñan cabida máis celebracións.

Un xuño de cores e loita

Na capital da Galiza, o Concello organiza todo o mes 'Compostela Diversa', co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración da Praza de Abastos e Avante LGBT+, co obxectivo de facer de Compostela "un referente como cidade de acollida". O Concello de Pontevedra ten neste Orgullo 2024 "unha semana chea de actividades para reivindicar os dereitos LGBTIQA+". Avante, moi presente en todo o país, participa tamén, con Nós Mesmas, no Orgullo Crítico de Vigo.

Ambas as asociacións critican a falta de apoio e mesmo obstáculos postos polo Goberno vigués. Moi criticada é tamén a postura do alcalde de Ourense coa ausencia de programación nestas datas. Na Coruña, o Concello colabora con diversas organizacións. Alas A Coruña leva a cabo ao longo do mes máis dunha decena de actividades, mentres que o mes que vén decorrerán diferentes concertos polo Atlantic Pride, que  nesta edición organiza tamén un certame de literatura LGBT+.

No corazón da Galiza

Un gran referente no país é o Agrocuir da Ulloa que desde hai anos se celebra na vila de Monterroso e a súa contorna a finais de agosto. Na edición pasada a organización quixo decrecer ante a afluencia crecente de persoas para coidar o entorno e os ideais do evento, e evidenciouse a prioridade reivindicativa coa celebración de diversos obradoiros especializados. Asistiron persoas de todo o país e de fóra del.

Trátase dunha celebración da que diversas organizacións destacan o seu valor de visibilización da diversidade no rural e enxalzan o grande acollemento que mostra a sociedade da Ulloa. De cara á súa 9ª edición, este verán, están desde hai semanas a recadar fondos mediante financiamento colectivo. Seguindo o seu ronsel, o salto das cidades a comarcas máis rurais é moi visíbel tamén este mes con actividades como as organizadas por Gotas, en Ribadumia (O Salnés), ou Codimo en Cangas (O Morrazo).

Máis en Reportaxes
Comentarios