Altri, un monstro de celulosa no corazón da Galiza

A comarca da Ulloa, no corazón da Galiza, está ameazada pola construción dunha enorme fábrica de celulosa da multinacional portuguesa Altri. Un monstro que pon en perigo a súa natureza e os seus habitantes nunha zona de alto valor ecolóxico, económico e social onde se levan a cabo numerosas iniciativas de coidado do territorio, como a da apicultora ecolóxica Natalia Varela. Ante os graves efectos prexudiciais que se prevé que orixine non só na comarca, senón en todo o país, o  denominado proxecto Gama recibiu unha forte contestación social. Á multitudinaria manifestación decorrida o 16 de maio en Palas de Rei seguiu outra histórica mobilización que xuntou perto de 300 embarcacións na ría de Arousa. Mañá, domingo 30 de xuño, o pobo galego está sumado a rodear a Xunta da Galiza contra a macrocelulosa de Altri.

Manifestación na ría de Arousa contra o proxecto de Altri na Ulloa. (Foto: Greenpeace / Pedro Armestre)
photo_camera Manifestación na ría de Arousa contra o proxecto de Altri na Ulloa. (Foto: Greenpeace / Pedro Armestre)

Case 300 embarcacións congregáronse o 12 de xuño na ría de Arousa para expresar o seu rexeitamento a Altri. A protesta, organizada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e Ulloa Viva, xuntou centos de mariñeiros e veciñanza da comarca para recibir o buque Arctic Sunrise de Greenpeace. 

Entre os sons das embarcacións e os berros contra o proxecto e en defensa do mar e a ría, o buque de Greenpeace despregou unha gran pancarta coa mensaxe 'Defende o mar' e 'Altri non'.


"As abellas están directamente conectadas co ecosistema e Altri vai cambiar esa biodiversidade. Se toda esta riqueza que temos na Ulloa cambia, a vida das abellas vai ser moito peor. Non vou poder realizar un produto de calidade e vai ser insostíbel", explica a apicultora ecolóxica Natalia Varela


3

O río Ulla é un dos espazos naturais que se verían afectados por esta gran fábrica, deseñada para producir até 400.000 toneladas de celulosa solúbel e 200.000 de lyocell, ademais doutros subprodutos, como biomasa e xeso. Verterá ao río até 30 millóns de litros de augas residuais contaminadas cada día. O megaproxecto (denominado proxecto Gama) ameaza directamente a exigua Rede Natura 2000 galega. Ademais do consumo e contaminación da auga, emitirá gases tóxicos, porá en perigo os sectores primarios e requirirá que se plante moito máis eucalipto, empobrecendo a biodiversidade. Organizacións e colectivos da zona están a loitar para parar este absurdo.


003_GPES20240528PA3418

"Para min isto é o meu paraíso. Naceu o meu pai, nacín eu. Pero pensar en marchar de aquí para min é algo que me afecta psicoloxicamente moi moi profundamente. Non, non pode ser. Temos que paralo. Este proxecto non pode ir adiante, de ningunha maneira", exclama Chusa Expósito, da cooperativa Milhulloa e Muuhlloa.

Este monstro de celulosa planeado en Palas de Rei (A Ulloa), que conta co apoio da Xunta da Galiza, afectará unha superficie dez veces maior que a celulosa de Ence en Pontevedra (unhas 360 hectáreas) e pretende usar até 46 millóns de litros de auga diarios do río Ulla, o cal equivale ao consumo de toda a provincia de Lugo.


4

Altri instalará unha cheminea de 75 metros de altura que emitirá substancias precursoras da choiva aceda (xofre, óxidos de xofre, óxidos de nitróxeno, monóxido de carbono e material particulado). Para a súa posta en marcha, a empresa reclama até 250 millóns de euros de diñeiro público dos fondos europeos Next Generation, en contra dos principios DNSH (Principio de non causar prexuízo significativo ao medio ambiente), que son os criterios que a Unión Europea marca para poder optar aos fondos.


5

"Da auga vivimos. Se nos falta a auga fáltanos todo. Eu non vexo as cousas que queiran pór aí, tan perto de nós, que nos arruínan por completo. Irei a todas as manifestacións. Desde o primeiro día xa puxemos pancartas. Teño 72 anos, xa non me queda moito de vida, pero atrás veñen os meus fillos e os meus netos. E hai que mirar por todos. Pero eu creo que o imos parar. Para iso camiñamos", Carmen Vázquez, agricultora. Carmen é unha das miles de persoas que, desde o inicio, están a mostrar o seu rexeitamento a un proxecto que pon en perigo o seu modo de vida e a súa contorna.


6

Tres espazos da Rede Natura 2000 veríanse afectados (ZEC Serra do Careón, ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza e ZEC Sobreirais do Arnego) e mesmo o Parque Nacional das Illas Atlánticas da Galiza. Altri afecta directamente tamén moitas especies ameazadas, algunhas mesmo endémicas e en perigo de extinción, como Santolina melidensis, Armeria merinoi e Leucanthemum gallaecicum, cuxas poboacións son únicas no mundo. No ámbito do proxecto hai rexistradas máis de 140 especies de aves, das cales catro están incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e seis no Catálogo Español de Especies Ameazadas.


7

Predio onde está proxectada a planta de Altri. A oposición ao proxecto na zona non deixou de crecer. Presentáronse máis de 23.000 alegacións na súa contra (entre elas as de Greenpeace) e máis de 20.000 persoas acudiron á primeira manifestación contra o proxecto en Palas de Rei (A Ulloa). Como explica Zeltia Laya, portavoz da plataforma Ulloa Viva, "o que lle pedimos é que a Xunta non utilice diñeiro público para un macroproxecto no que a comunidade está totalmente en contra, porque sería unha falta de respecto ás persoas que vivimos na Galiza, unha falta de respecto moi grande".


8

"Onde hai gandaría, onde hai pastoreo, onde hai gandaría extensiva, non hai abandono, non hai incendios. Estamos a actuar como axentes ambientais que coidamos o territorio, que o protexemos, que protexemos ademais a súa biodiversidade, que sabemos que é un elemento chave para frear o cambio climático", explica a gandeira ecolóxica Ana Corredoira.

A Ulloa non é, como queren facer ver, unha comarca atrasada, baleirada e empobrecida. De feito, conta cun sector primario que dá traballo ao 22% dos seus habitantes, moi por enriba da media galega, que está no 6,3%. Conta tamén con numerosas explotacións de vangarda, innovadoras, ecolóxicas e moitas explotacións de Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas, entre elas a D.O.P. Arzúa-Ulloa, a segunda das D.O.P. de queixos que máis vende no Estado español.


9

Calcúlase que necesitará até 2,4 millóns de toneladas de eucalipto ao ano. Este aumento brutal da demanda obrigará a encher aínda máis terreo galego deste monocultivo que tanto dano está a facer á biodiversidade da Galiza, e que aumenta o perigo e virulencia dos incendios, como vemos cada ano. 

O perigo que supón a celulosa non se restrinxe a Palas de Rei. A captación e vertedura de augas no río Ulla, a segunda conca en importancia da Galiza, serán unha ameaza constante para as explotacións agrogandeiras da zona, moitas producindo en ecolóxico, para outros espazos da Rede Natura augas abaixo, como o ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza, e sobre todo para a ría de Arousa.


10

Esta comarca é un punto de paso clave do Camiño de Santiago, especialmente do Camiño Francés, o que se converteu nunha importante fonte de ingresos. A unha distancia dun quilómetro e medio do Camiño, está planeada a gran cheminea de 75 metros de altura, a mesma que a da Catedral de Santiago. Numerosas organizacións ecoloxistas, de veciñanza e de peregrinos alertaron dos graves efectos que tería nunha zona declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.


11

"Esta comarca é única en moitos sentidos, non só desde o punto de vista da biodiversidade, senón tamén da comunidade que residimos aquí e que fomos construíndo durante anos. Nos últimos tempos, converteuse en reclamo para atraer poboación. Proxectos como este destrúen todo o traballo que levamos facendo". "Que queremos deixar para as xeracións que veñan detrás? Os nosos avós plantaban castiñeiros porque non estaban a pensar en recoller un froito eles mesmos, senón as xeracións futuras. Disto se trata. O que facemos, o que estamos a facer agora é tratar de construír un futuro para os nosos fillos e fillas. É a imaxe que queremos construír, unha imaxe colectiva, unha imaxe diversa e unha imaxe na que non caben proxectos como Altri", explica a gandeira ecolóxica Ana Corredoira.


12

Unha das actividades fundamentais da zona é o marisqueo, do que depende directa ou indirectamente moita xente. María Porto, terceira xeración de mariscadoras e presidenta das Mariscadoras de Carril explica como afectaría Altri a esta arte tradicional: "Xa non é só o problema da auga contaminada, o problema está tamén na temperatura á que van devolver esa auga. A temperatura da auga xa está a subir debido ao cambio climático, subiu tranquilamente o ano pasado entre tres e catro graos. Se a iso lle engades que a auga irá contaminada ao río a 27 graos, vainos afectar".


13

O río Ulla e a comarca da Ulloa están no corazón da Galiza, non só pola súa centralidade xeográfica, senón tamén pola súa historia e peso cultural. A ameaza desta megafactoría non é senón a enésima expresión do descoido co que as autoridades maltrataron todo este país durante décadas, relegando o seu papel ao de mero provedor para o extractivismo centralista.

Con todo, unha poboación cada vez máis concienciada, organizada e mobilizada mostra agora que non está disposta a calar mentres lles rouban, unha vez máis, unha natureza que custodiaron durante séculos.

Máis en Reportaxes
Comentarios