Estabilizado o incendio forestal da Gudiña tras queimar 150 hectáreas

Unha avioneta contraincendios realiza unha descarga sobre o terreo calcinado na Gudiña. (Foto @AT_Brif)
Desde a pasada sexta feira arderon na Galiza perto de 300 hectáreas de monte raso e arborado.

A Xunta da Galiza dá por estabilizado, mais non controlado, o incendio forestal da Gudiña (comarca de Vina), declarado contra as 13.18 horas desta segunda feira na parroquia de Pentes, despois de queimar 150 hectáreas.

Segundo os datos que vén de actualizar a Consellaría do Medio Rural na mañá desta terza feira, o lume da Gudiña quedou estabilizado a pasada media noite. Na extinción das lapas traballaron 10 helicópteros, oito avións, 20 brigadas, nove motobombas, oito axentes, catro pas e dous técnicos.

Por outra parte, o incendio rexistrado no concello de Arbo (A Paradanta), parroquia de Mourentán, quedou extinguido na noite desta segunda feira despois de calcinar 22,7 hectáreas –a maioría de monte arborado e 1,8 hectáreas de raso–.

Este fogo iniciouse na noite do domingo e nas tarefas de extinción participaron: dous helicópteros, 24 brigadas, 23 motobombas, sete axentes, dúas pas e tres técnicos.

Ademais, continúa estabilizado, aínda sen controlar, o lume no concello ourensán de Laza (comarca de Verín), parroquia de Trez, que se iniciou na tarde do pasado domingo e afecta a unhas 60 hectáreas. Para combater as lapas mobilizáronse sete helicópteros, catro avións, 30 brigadas e 18 motobombas, entre outros medios.

Desde a pasada sexta feira, a Xunta informou de cinco incendios forestais na Galiza. Ademais dos tres anteriores, outros dous xa extinguidos: un en Entrimo, na Baixa Limia, que afectou 0,01 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, e outro no concello de Muíños, na mesma bisbarra, que arrasou 62,34 hectáreas, polo que nestes días arderon perto de 300 hectáreas.