Entrevista

Estrella Ramil Paz: "Os mozos cishetero son, con diferenza, os que máis rexeitamento mostran ante a diversidade LGBT"

A investigadora Estrella Ramil. (Foto: Nós Diario)
Estrella Ramil Paz é activista feminista, investigadora social e consultora internacional en temas de xénero. Da man da ONG Agareso deu a coñecer os resultados dun estudo que cuestiona os centros de secundaria como espazos seguros para a comunidade LGBT, vítima, aínda, de estereotipos, prexuízos e violencias.

—A diversidade sexual e de xénero é unha realidade visíbel nos centros de ensino da Galiza?
A diversidade LGBTI+ está presente en toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado, familias. Ademais está presente, por parte do alumnado, en todos os cursos, e por parte do persoal docente en todos os tramos de idade.

Porén, desafortunadamente esta diversidade non é visíbel no día a día dos centros de ensino, nin entre o alumnado nin entre o profesorado LGBT. Aínda son moitas as persoas que non poden expresarse libremente sobre a súa orientación afectivosexual ou identidade de xénero por medo ás ameazas, ao trato diferencial ou ao acoso, en definitiva a diferentes tipos de violencia. 

—Como investigadora coordinou un estudo que deu a coñecer da man de Agareso o pasado mes de abril tras o que concluíron que os institutos de secundaria non son espazos seguros para a rapazada LGBT. Por que? 
A principal constatación do estudo é que os centros educativos galegos non son "espazos seguros" para o alumnado LGBT. Isto é así porque enfrontan múltiples situacións de LGBTfobia ou bullying LGBT, tanto por parte do alumnado como do profesorado ou por veces das propias familias, en especial para o caso de menores e mocidade trans. Isto coloca un interrogante sobre o papel da educación formal na defensa dos dereitos na práctica educativa cotián. 

Afortunadamente en Galicia hai organizacións como a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ da Galiza, Arelas,  Avante LGBT e outras asociacións que traballan pola defensa de dereitos humanos como a propia Agareso, responsábel do estudo, que fan un traballo moi importante na loita contra esta problemática. Pero a solución debería estar na man das institucións educativas responsábeis e non deixar esta obriga ao profesorado sensibilizado coa problemática ou a actividades puntuais que a sociedade civil pode facer nos institutos.

—Cales son os espazos máis inseguros?
Os patios, os baños ou os vestiarios son claramente segregadores e inseguros. Incluso tamén as aulas, cando non está o profesorado. En realidade unha persoa que está sendo acosada só estaría segura onde algúns dos seus pares a protexera e, polo tanto, habería moitos espazos ou momentos en que estaría moi vulnerábel. E isto ten como consecuencia que o alumnado LGBT acostuma ocupar aqueles espazos nos que se sente a salvo, como as bibliotecas, unha situación que ao mesmo tempo provoca illamento.

—81% do alumnado LGBT declarou ter sufrido algunha agresión e 69% do profesorado ter presenciado estas agresións. Que formas adopta a violencia nas aulas e quen a exerce?
Cando falamos de agresións LGBTfóbicas podemos imaxinar unha pirámide en cuxa base están os prexuízos e estereotipos que comportan unhas determinadas condutas cara as persoas LGBTI+ e se vamos escalando nesa pirámide aparecen outras formas de agresións: verbais, como bromas e insultos; psicolóxicas, como o illamento, e físicas.  

As agresións son cometidas tanto por alumnado como por profesorado, mulleres e homes, aínda que hai diferenza tanto na cantidade como no tipo de agresión dependendo do xénero da persoa agresora. Os mozos cishetero son, con diferenza, os que máis rexeitamento mostran ante a diversidade LGBT, o que é un claro indicador da necesidade urxente de traballar sobre as masculinidades hexemónicas, sobre os seus privilexios e a súa responsabilidade ante as desigualdades.

Nin que dicir ten que as agresións, sexan do tipo que sexan, teñen un impacto físico, psicolóxico ou emocional en quen as recibe. Cando indagamos sobre os principais impactos que o profesorado percibe no alumnado LGBT+ dos seus centros educativos, vemos que os datos son alarmantes: desde unha ampla porcentaxe de persoas que senten temor a visibilizar a súa identidade ou orientación sexual até prácticas de risco, como autolesións ou intentos de suicidio, ou LGBTfobia interiorizada. Por tanto, impactos moi graves que os centros deben ter presentes.

—O estudo, ademais de violencia explícita, revela rexeitamento e unha complicidade da comunidade educativa con moitas das bromas, insultos e agresións que se dan e que non se molestan en frear.
É un problema moi importante. Un 17% do alumnado cishetero que participou na enquisa recoñece que non só ten presenciado senón que mesmo ten participado destas agresións, "nun contexto de broma". Tamén o profesorado participa nestas "bromas". Isto, tal como o propio alumnado LGBT considera, é "unha forma sutil de xustificar a violencia" e igualmente é un medio a través do cal a violencia pode naturalizarse e perpetuarse.

—A esta evidencia súmanse as reticencias a un recoñecemento inclusivo e transversal da comunidade LGBT, mesmo a través da linguaxe. Como se explica isto? Mesmo hai quen cualifica negativamente avances en materia LGBT ou feministas e aproba o aumento do machismo e de discursos ou condutas racistas.
Son crenzas e actitudes propias dunha sociedade patriarcal. Parten dun imaxinario social compartido, tanto polas comunidades educativas dos centros como polas familias, os medios de comunicación e as redes sociais. Os prexuízos e estereotipos sobre a poboación LGBTI+ reflicten que somos unha sociedade que está lonxe de ser igualitaria en dereitos e mais lonxe aínda de saber vivir en diversidade. É unha das grandes "materias" pendentes da nosa sociedade e o sistema educativo do século XXI debería ser un medio que contribuíse a reverter esta situación.

—Que papel xogan as redes sociais nas relacións e normalización da diversidade LGBT dentro e fóra dos centros de ensino?
As redes sociais e medios de comunicación teñen unha clara influencia nas condutas, ideas e crenzas que están detrás dos discursos de odio por LGBTfobia. Se ben o uso das redes pode ser algo útil e de axuda, especialmente para as persoas LGBTI+, porque lles permite buscar información ou interactuar entre iguais, con persoas dos seus mesmos colectivos, tamén é a canle que proporciona maior anonimato a quen fomenta o rexeitamento á diversidade LGBTIQ+ e, por tanto, supón un espazo idóneo para publicar e expandir o seu discurso LGTBfóbico.  

Hai unha necesidade imperante de traballar co alumnado sobre estas canles informativas, que é un medio que queda máis por fóra do control do profesorado e das familias, pero que ocupa unha parte importante do día a día da mocidade. E non podemos esquecer que, aínda que estamos nun contexto social máis tolerante que no pasado, a institucionalización de partidos ultraconservadores e a súa visibilidade mediática, exacerba estes discursos discriminatorios a través dos medios e o alumnado non é alleo a isto. 

Como combater o discurso de odio

Moitas das recomendacións que recolle o estudo coordinado por Estrella Ramil, publicado o pasado mes de abril, van dirixidas á Xunta, "como principal responsábel da política educativa". Entre outras ideas recolle a necesidade de incluír nos programas educativos a diversidade como contido transversal obrigatorio e que os programas formativos do corpo docente inclúan o trato das diversidades.

A configuración dos espazos é outra área sobre a que actuar, como tamén a educación no uso das redes sociais e medios de comunicación para evitar situacións de risco. Ramil tamén apunta a necesidade de pór a disposición dos centros de ensino políticas e protocolos que axuden no traballo de prevención e atención ás violencias LGTBfóbicas, "incluíndo tolerancia cero ante bromas ou situacións de bullying lgtbfóbico".

Todas estas recomendacións poñen o foco en promover un entorno educativo sensíbel, acolledor e positivo coas diversidades, incluída a diversidade sexual e de xénero, baseado no respecto mutuo e no recoñecemento de todas as realidades.