O estudantado universitario galego mobilízase en apoio do pobo palestino: "O que se está vendo é un auténtico exterminio"

Estudantes universitarias concentráronse esta terza feira na biblioteca Intercentros de Lugo, na biblioteca de Peritos en Vigo, na Rosalía de Castro de Ourense e na facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra. (Fotos: Nós Diario)
Os campus universitarios de Compostela, Vigo, Ourense, Pontevedra e Lugo acolleron esta terza feira, 14 de maio, senllas concentracións simultáneas de solidariedade co pobo palestino. Seguindo o rastro dun movemento global, o estudantado galego urxe unha rección institucional ás tres universidades do país, de condena e boicot ao Estado de Israel.

Alumnado da USC vén de iniciar na facultade de Xeografía e Historia un feche solidario por Palestina co que busca dar continuidade á corrente de apoio internacional que acelerou o paso nas últimas semanas. Porén, esta acción vai máis aló e quere alentar a institución compostelá "a se posicionar claramente" en prol do boicot académico ao Estado sionista e da fin das agresións israelís contra o pobo palestino.

Ducias de estudantes acamparon durante a noite no interior da facultade tras debater e acordar en asemblea aberta as condicións dun feche que se comprometen a prolongar mentres a USC non dea un paso adiante na defensa de Palestina e contra o xenocidio da súa poboación a mans de Israel.

O inicio deste feche coincidiu no tempo coas concentracións simultáneas convocadas por Erguer nos campus de Lugo, Vigo, Ourense e Pontevedra para exixir ás tres universidades galegas un maior compromiso con Palestina.

"Como organización estudantil nacionalista non podiamos ficar paradas. A onda de solidariedade que se está a dar en universidades de todo o mundo, mais a entrada en Rafah por parte do Exército israelí impulsounos a facer este chamamento e a exixir compromisos máis firmes ás institucións universitarias", declarou a Nós Diario Artai Gavilanes, responsábel de Erguer na Galiza.

Visíbeis nos campus

Centos de estudantes concentráronse para pedirlle á USC, á UVigo e á UDC "que se posicionen en favor dun alto ao fogo inmediato e permanente, que condenen o xenocidio palestino e lle chamen polo que é e que se comprometan activamente co boicot académico a universidades, empresas e institucións israelís, ao tempo que estabelecen relacións de colaboración coas universidades de Palestina, para a súa reconstrución".

Son tres das demandas máis urxentes que o alumnado galego traslada ás universidades do país, que nun comunicado conxunto con reitores do resto do Estado amosáronse a favor dun alto ao fogo e a rachar relacións coas universidades israelís contrarias á paz, "algo que ao noso ver é insuficiente", asegura Artai Gavilanes.

"O que se está vendo é unha barbaridade, unha auténtica exterminación", afirma Icía Abraira desde a biblioteca Intercentros de Lugo. "Creo que é moi importante estar aquí, mobilizarse e deixar ver que as estudantes galegas estamos claramente en contra deste xenocidio".

Tamén desde o campus de Pontevedra están convencidas de que é o momento "de que se nos vexa". "Até o momento apoiamos e participamos doutras mobilizacións, pero o mundo ten que ver que o estudantado galego está na loita contra o xenocidio que está a cometer Israel", di Alba Quiroga.

Contra a Nakba 

A Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina organiza hoxe en Compostela un acto simbólico pola liberdade do polo palestino. Ás 11.30 horas, na praza de Pratería, lembrarán a Nakba (catástrofe), a expulsión e o éxodo de miles de persoas en 1948.