O estudo sobre o impacto hidrolóxico de Altri: sen "rigor" e orientado a "esquivar" trámites

Estado do encoro de Portodemouros en abril, xullo e neste mes. (Foto: M.M.)
O estudo de impacto hidrolóxico realizado por Greenfiber (Altri e Greenalia) para a súa celulosa na Ulloa "non alcanza a rigorosidade necesaria" e está "moi orientado a "esquivar" o trámite ambiental que outorgue viabilidade ao proxecto". Así o afirma un dos estudos do informe do Consello da Cultura Galega.

O río Ulla nace en Chousa da Poteira, nos montes de Olveda, en Antas de Ulla (A Ulloa). O río baña as beiras de 20 concellos. Após percorrer 132 km desemboca na ría de Arousa, onde verte un caudal medio de 79,3 m³/s. A súa conca de 2803,6 km² é a segunda máis extensa da Galiza despois da do Miño. Paisaxe, patrimonio, riqueza produtiva, territorio... van da man do Ulla e a ría de Arousa, dous espazos que se senten ameazados polo proxecto para instalar unha celulosa en Palas de Rei (A Ulloa). Un proxecto, de feito, que ten na necesidade de captar unha gran cantidade de auga un dos requisitos imprescindíbeis para a súa posta en marcha. De aí que o seu impacto hidrolóxico sexa un dos principais debates en torno a esta iniciativa impulsada por Greenfiber.

Consciente desta importancia, o recente informe do Consello da Cultura Galega (CCG) sobre o proxecto de Altri centra un dos seus oito estudos no impacto hidrolóxico. Trátase de Avaliación do impacto hidrolóxico do proxecto Gama en Galicia. Revisión e análise crítica, a cargo de Horacio García, profesor do Departamento de Xeografía da USC e investigador do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac).

Para este informe , aclara o autor no mesmo, avaliáronse tanto os datos da documentación ambiental —autorización ambiental integrada (AAI) e estudo de impacto ambiental (EIA) presentados para a implantación da industria— referidos ao impacto hidrolóxico como as potenciais carencias detectadas. Após a análise pormenorizada destes e outros factores, a conclusión do autor é clarificadora: "Conclúese que o estudo de impacto hidrolóxico realizado por Greenfiber non alcanza a rigorosidade necesaria, ao ser extremadamente simple e moi orientado a "esquivar" o trámite ambiental que outorgue viabilidade ao proxecto. A parcialidade dos datos empregados supón a omisión de información vital sen a cal non é posíbel xustificar o uso e consumo de auga demandado, co que se ignora toda a integridade ecolóxica, ambiental e social do río no territorio". 

Ría de Arousa

Un dos aspectos que, desde que se tivo coñecemento deste proxecto para A Ulloa, máis preocupou foi o do seu posíbel impacto nunha ría na que as súas augas —onde desemboca o Ulla— xeran miles de empregos no marisqueo, pesca e cultivo de mexillón.  Consciente diso, desde o equipo que redactou para a empresa o estudo hidrolóxico conclúese que a vertedura non cambia o estado ecolóxico do río no tramo de augas abaixo. Non afectaría a ría, así pois. Porén, Horacio García apunta no seu traballo que os encoros —como o de Portodemouros, entre Arzúa, Vila de Cruces, Santiso e Agolada, e do que Altri quere captar auga— é un dos factores (non o único, pero si "relevante") a ter en conta nos efectos sobre a produción marisqueira na ría.

En resposta a Nós Diario, Horacio García sostén que o proxecto de Altri "sen dúbida afectará" a ría de Arousa. "O problema é que moitos impactos non son inmediatos. Poden tardar anos ou décadas en detectarse, pero paseniñamente chegan", afirma.

O profesor da USC explica que "o percorrido e a evolución dos contaminantes poden estenderse por moitas ducias de quilómetros de río desde o punto de vertedura cara a augas abaixo. Rías, esteiros, marismas... actúan como límites de deposición das substancias arrastradas polo río co paso dos anos". Por último, indica que no estudo elaborado por Altri, "as masas de auga (río, encoro) foron abordadas individualmente e non baixo o principio de continuidade fluvial, co que non sen teñen en conta as potenciais repercusións físico-químicas, ecolóxicas e socioeconómicas encadeadas".

De feito, o 'factor Altri' leva meses xerando preocupación entre os sectores produtores ligados ao mar. A presidenta da Asociación de Mariscadoras de Carril (AMC), en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), María Porto, sinalou a Nós Diario que “os problemas de falta de plancto e de menor afloramento das augas que están afectado o marisco vanse agudizar no caso de pór en marcha esta celulosa ao aumentar as verteduras contaminantes á ria, polo que a situación vai ser aínda peor". Na mesma liña, Miguel Iglesias, patrón maior da Confraría de Pescadores de Rianxo, sinalou que "a celulosa de Altri sería o final para nós no caso de ir adiante, non só para os marisqueo, tamén para o mexillón”.

O informe comprendido na análise do Consello da Cultura tamén apunta a outra circunstancia de importancia á hora de avaliar o impacto hídrico do proxecto de Altri, como é  o "impacto das plantacións forestais". 

Plantacións forestais e recursos hídricos

"Os insumos do proxecto (eucaliptos) inducen a un cambio nas estruturas de produción do territorio, que terá implicacións directas sobre os usos do solo e a dispoñibilidade do recurso auga", advírtese. Así, prosegue o informe, "os resultados do impacto dos eucaliptos sobre a hidroloxía e os ríos son claros: os caudais de estiaxe sofren un "empeoramento moderado" e a ecoloxía do río (vida acuática, descomposición da follada, materia orgánica e nutrientes etc.), un "forte empeoramento". 

Cítanse neste punto estudos que mostran que, "baixo ambientes similares ao galego", cuantificouse "para 25 cuncas hidrográficas de máis de 20.000 hectáreas cada unha, un descenso do caudal anual (adicional ao efecto da seca) de 18 % ao aumentar 50 % a superficie de cobertura de plantación".


"A lei permite que sexa o promotor quen autoavalíe o impacto da súa actividade"

Horacio García sinala dous puntos “críticos” á hora de analizar o estudo hidrolóxico de Greenfiber: o volume de abastecemento e o impacto das verteduras. "O primeiro problema é de base, ao permitir a lei que sexa o promotor o encargado de autoavaliar o impacto da súa obra e actividade, polo que é esperábel que os resultados sexan favorábeis aos intereses do promotor", indica en resposta a este medio. 

"Nun proxecto destas dimensións e características, para poder xustificar que ambientalmente cumpre hai que empregar aqueles datos que axuden a superar dous dos puntos críticos que ten o proxecto —volume de abastecemento e impacto das verteduras— para, dese modo, axustarse aos limiares que marca a lei", explica o profesor.

"Como se fixo iso? Entre outras cousas, empregando valores medios mensuais (ou anuais) de caudal, o cal non é estatisticamente significativo para este tipo de procedementos ao considerar un reparto equitativo do caudal todos os días dun mes. Deste modo, exclúese a diversidade interna e altamente cambiante que presenta un río ao longo do mes, co cal se lanzan uns resultados máis favorábeis para a empresa e menos realistas para o río", conclúe o profesor Horacio García. Apunta tamén outro dato de interese en relación con este proxecto: "Dado que a instalación da industria está supeditada ao encoro de Portodemouros, cuxo período de concesión remata o 1 de xaneiro de 2061, enténdese que isto suporía a renovación da súa concesión por un mínimo de aproximadamente 50 anos máis".