PP e extrema dereita vetan na Eurocámara un debate sobre Altri

Protesta apoiada polo BNG diante da sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

Ana Miranda acusa o PP de “romper o cordón sanitario á extrema dereita” para “votar contra a Galiza”.

A comisión de Peticións do Parlamento Europeo rexeitou aplicar o procedemento de urxencia para debater esta quinta feira, 3 de outubro, as denuncias de plataformas e colectivos que se opoñen á instalación da planta de celulosa da multinacional portuguesa Altri en Palas de Rei (A Ulloa) debido ao seu impacto ambiental.

A tramitación de urxencia, apoiada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, rexeitouse con 18 votos en contra fronte a 11 a favor na reunión da comisión esta segunda feira, polo que a petición incluirase na axenda dunha futura reunión aínda por determinar.

Miranda denunciou que “os populares aliáronse hoxe [por esta segunda feira] coa extrema dereita para impedir que a cidadanía afectada pola macrocelulosa proxectada en Palas de Rei sexa escoitada na Comisión de Peticións da Eurocámara”. Segundo afirma a eurodeputada nacionalista, esta decisión rexeitada esta segunda feira foi tomada o pasado 4 de setembro pola vía de urxencia co acordo de catro grupo parlamentares diferentes.

“É inaceptable que o Partido Popular volva impedir que a cidadanía galega compareza nunha comisión parlamentar do Parlamento Europeo, sobre todo despois de ter un acordo con catro grupos parlamentares no que se decidiu por vía de urxencia que comparecera a plataforma Ulloa Viva para denunciar o proxecto de Altri”, explica Ana Miranda.

Neste sentido, Ana Miranda acusou os eurodeputados do PP de acudir “en procesión” para romper o cordón sanitario á extrema dereita na Comisión de Peticións e “votar contra a Galiza”. Para a eurodeputada galega é igualmente “inaceptábel” que a dereita “manobre para que en Bruxelas non se volva dicir Altri Non”, tal e como xa fixeron os colectivos afectados nun encontro con representantes da Comisión Europea organizado por Ana Miranda e decorrido o pasado mes de abril en Bruxelas.

Ulla Viva ve "lamentábel" a postura do PP

Tamén a Plataforma Ulloa Viva reaccionou a esta votación na Eurocámara, considerando “lamentábel” que “unha vez máis o PP vote en contra da veciñanza e a favor da macrocelulosa de Altri”. Desde Ulloa Viva agradeceron a eurodeputada do BNG “a súa loita” nesta problemática que ameaza o corazón da Galiza e lembraron que a Plataforma vai “seguir loitando”, xa que ten tramitada unha denuncia nesta mesma Comisión de Peticións.

A Plataforma critica a “dobre actitude” do PP “chamando a todas as portas para pedir cartos públicos para un proxecto privado e negándose a que se debata” no Parlamento Europeo. Por iso agardan que “cando a nosa denuncia chegue á orde do día desta Comisión, o PP teña a valentía de deixar que se debata un asunto importante para o noso país”.

Perte de descarbonización

Altri, que marcou o final do ano 2024 como límite para tomar unha decisión sobre a localización da súa nova celulosa, espera obter 250 millóns de euros de fondos europeos a través do programa do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) de descarbonización industrial, ligado ao plan de recuperación e resiliencia do Estado español.

A Comisión Europea xa avisou as autoridades españolas de que son responsábeis de garantir as condicións para evitar a deterioración do encoro de Portodemouros —situado na conca do río Ulla entre Arzúa (comarca homónima), Vila de Cruces e Agolada (Deza) e Santiso (Terra de Melide)—, que abastecerá a macrocelulosa.

Ademais, as autoridades españolas deberán tomar medidas se se produce algunha desviación do previsto nos permisos, segundo indicou en xuño o entón comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, que advirte de que a empresa pretende instalar un sistema de captación de auga cun caudal de 46.000 metros cúbicos ao día.

Nesta liña, a eurodeputada do BNG denunciou en reiteradas ocasións o incumprimento de diferentes normativas europeas deste proxecto. Así, afirma que existe risco de incumprimento da Directiva Marco de Auga pola vertedura que Altri pretende realizar no río Ulla e no encoro de Portodemouros, así como risco de vulneración da Rede Natura e de destrución de zonas de especial protección nas que existen especies endémicas. Precisamente estas vulneracións levan ao Bloque a rexeitar que este proxecto reciba fondos europeos.

Polo seu lado, os representantes do PP galego xa subliñaron o seu apoio á implantación da factoría de Altri na Ulloa e acusaron PSdeG e BNG de actuar como "sucursais" na Galiza do Goberno estatal ao que afea querer "castigar" o territorio galego.