Ensino

O exame de Lingua Galega inaugura a ABAU cun texto sobre o Samaín e preguntas sobre prexuízos e neofalantes

Estudantes nunha aula da Facultade de Ciencias de Comunicación da USC. (Foto: Arxina)
En todo o país, máis de 13.000 mozos e mozas enfróntanse a estas probas que lles permitirán obter praza na universidade.

A Avaliación para o Acceso á Universidade (ABAU) da Galiza arrincou este ano, por vez primeira, co exame de Lingua Galega e Literatura, que incluíu un texto para analizar e comentar sobre o Samaín, así como preguntas sobre os prexuízos que rodean o idioma, as persoas neofalantes e os bloques dialectais.

Na Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela os exames empezaron puntuais, ao fío das 10 horas, "con normalidade" e sen que haxa constancia de "ningunha incidencia" salientábel, tal e como explicou en declaracións á axencia Europa Press a delegada da universidade compostelá na Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG), Maite Flores.

En todo o país, máis de 13.000 mozos e mozas enfróntanse a estas probas que lles permitirán obter praza na universidade. Flores ve as e os aspirantes "sempre moi moi nerviosos", dado que ao longo destas tres xornadas vivirán unha experiencia que "lles vai dar un acceso ao futuro".

O primeiro día é "de moitos nervios", pero o segundo xa será "máis tranquilo", unha vez comproben que os exames son "similares aos do instituto". O alumnado chega ao terceiro día "especialmente relaxado", até o punto de "esquecer na casa" os adhesivos que lles entregan o primeiro día e que empregan para que se poida identificar o seu exame —non pon o nome—.

A delegada da USC na CiUG recomenda "non repasar nada" durante os descansos de media hora entre proba e proba. "Porque repasar todo o que teñen que ter estudado dun ano en media hora é, simplemente, cargar un pouco máis a cabeza", di. Con todo, recoñece que "é imposíbel" que sigan esta suxestión e que non o fagan, dada a importancia que terá para eles a nota que obteñan na ABAU, a cal coñecerán a vindeira quinta feira, 13 de xuño.

Durante os primeiros minutos do exame de Lingua Galega e Literatura, Maite Flores pasou por todas as aulas da Facultade de Ciencias da Comunicación cun detector de frecuencias para confirmar que os móbiles e demais dispositivos electrónicos están debidamente apagados.

E é que o achado dun aparello aceso é "causa de suspensión" de toda a ABAU, non só do exame que estean a facer nese momento, lembra a responsábel da CiUG. O ano pasado, en toda Galiza estes detectores permitiron interceptar cinco persoas tentando copiar, afirma.