Día Mundial da Saúde Sexual

Expertas en saúde sexual urxen promocionar un enfoque positivo da sexualidade: "Non só se reduce aos xenitais e ás relacións coitais"

Aula dun Instituto de Educación Secundaria Obrigatoria durante un obradoiro sobre hábitos saudábeis. (Foto: Europa Press).
Esta cuarta feira, 4 de setembro, reivindícanse as 'relacións positivas'.

Segundo datos da Organización Mundial da Saúde, desde o ano 1990, o número de mulleres que usan métodos anticonceptivos modernos duplicouse. Desde o ano 2000, a mortalidade materna diminuíu en 34%. Até 2022, e grazas ao acceso aos tratamentos para a infección causada polo VIH, evitáronse perto de 20,8 millóns de mortes en todo o mundo. Estas cifras dan conta dun progreso en materia de saúde e dereitos sexuais nas últimas décadas que a propia OMS xa ve perigar.

Este avance progresivo estancouse, e nalgúns casos "estase a reverter". Para comprender este xiro chama a buscar entre os efectos prolongados da Covid, a proliferación de conflitos, o incremento das desigualdades e unha polarización crecente que están a socavar o acceso a servizos de saúde esenciais e de calidade. Neste sentido pon o foco nas mulleres e nas nenas. Son quen primeiro ven minguar a súa saúde sexual, dunha "maneira desproporcionada", e quen antes acusan unha perda total de autonomía e capacidade de acción para decidir sobre o seu propio corpo.

Relacións positivas

As relacións positivas guían a conmemoración polo Día Mundial da Saúde Sexual que se conmemora este 4 de setembro. Para a sexóloga e pedagoga Erea Devesa, unha relación positiva é aquela na que "as persoas desfrutan, e para desfrutar precisamos que todos os dereitos básicos estean presentes: a liberdade, a educación sexual, a autonomía sobre o propio corpo". 

Neste sentido, Puri Leal, presidenta de Sogasex, Sociedade Galega de Sexoloxía, fai fincapé na importancia de ter e cultivar relacións sexuais e afectivas saudábeis e pracenteiras. "Somos seres interdependentes e as relacións positivas son as interaccións con outras persoas que nos xeran benestar. De aí a importancia do recoñecemento e a aceptación mutua; do bo trato, a través da práctica de habilidades como a escoita empática, a amabilidade e a compaixón; do autocoidado e coidado mutuo".

Nas 'relaciones positivas' ás que se refire o lema desta xornada, advirte Leal, non caben riscos nin discriminacións. Ao contrario, son aquelas "baseadas no consentimento e na autonomía corporal, na responsabilidade e a igualdade, a comunicación positiva, o respecto mutuo e o coidado", instiste.

Violencia e polarización

A violencia é unha das ameazas máis serias para unha saúde sexual plena. Segundo recolle o informe Violencia en parella contra as adolescente publicado o pasado mes de xullo pola revista The Lancet Child & Adolescent Health, un 24% das adolescentes que mantiveron relación de parella sufriron violencia física e/ou sexual antes dos 20 anos. O estudo afirma que "a violencia contra as adolescentes ocorre en todas partes", causando efectos "devastadores" na saúde da mocidade nuns anos cruciais.

Desde o punto de vista da saúde incremnéntase a probabilidade de lesións, depresión, trastornos de ansiedade, embarazos non planificados, infeccións de transmisión sexual e moitas outras afeccións físocas e psicolóxicas, apunta o informe.

"Os dereitos sexuais inclúen o dereito de toda persoa a unha vida sexual libre, satisfactoria e segura, libre de coerción, discriminación e violencia". E a violencia sexual, sinala Puri Leal, é un fenómeno difícil de entender cada vez máis presente. "Pero se o contextualizamos na cultura da violación, un concepto feminista que describe a violación como un problema sociocultural; que normalizou, naturalizou, minimizou e silenciou as agresións sexuais ao longo dos anos, deixará de ser tan difícil de explicar".

A cultura da violación é a que culpabiliza ás vítimas e cousifica as mulleres, reducíndoas a corpos e mercadoría, destaca a presidenta de Sogasex, quen apunta cara ao impacto dos medios de comunicación, o cinema, a televesión e a publicidade. "Contribuíron moito a esta representación, mais actualmente é a pornografía quen o fai, sobre todo".

Educación e recursos

Leal apunta outras realidades "silenciadas" como as agresións a menores, "que poden prolongarse ao longo de anos cando se dan na contorna inmediata" e outro fenómeno crecente, a violencia sexual a través das redes sociais. "O acceso de menores á pornografía pode provocar unha visión distorsiona das relacións de parella e sexuais, a extorsión sexual, a porno vinganza e outras moitas modalidades de violencia nas redes que fan necesario o promover os dereitos sexuais de cada persoa, implementar medidas de protección e implantar unha educación sexual integral xa".

A desigualdade no acceso a unha educación sexual integral, levada a cabo por profesionais, próxima para todas as persoas, é unha das eivas esenciais que identifica a educadora Erea Devesa. "Actualmente a educación sexual é un privilexio que depende do voluntarismo dunhas poucas persoas en centros de ensino moi contado. É algo moi escaso, limitado a unha actividade puntual. En xeral, chama a atención a falta de coñecemento sobre aspectos imprescindíbeis acerca da saude sexual, tamén entre persoas adultas", salienta.

Devesa defende a figura dunha persoa profesional da Sexoloxía sempre accesíbel, para orientar e acompañar. "En Galiza temos a sorte de contar co servizo de Quérote+, que fai un gran labor, pero necesitamos máis recursos e que este servizo se extenda para poder chegar a máis niveis educativos e asegurar a saúde sexual do conxunto da poboación".

Aulas e comunidade

A presidenta de Sogasex tamén avoga por ampliar os recursos esenciais para garantir unha boa saúde sexual. Neste sentido fai fincapé na educación sexual, como materia nas aulas e tamén accesíbel á comunidade, "coa formación de profesorado, familias e persoal sanitario, sobre todo", para promover o coñecemento e unha educación sexual baseada nunha visión positiva e global da sexualidade; "en todas as súas dimensións, a través de vivencias, pensamentos, emocións e comportamentos humanos".

Unha dimensión esencial é a relacional, precisa Pura Leal, onde a comunicación e habilidades sociais xogan un papel moi importante. Segundo explica, a sexualidade está presente en todo o corpo e non se reduce só aos xenitais, "e nas relacións sexuais vai máis aló do coito". Por iso é importante aprender coñecer o propio corpo, a valorarse e quererse.

"Saber comunicarse, expresar necesidades de maneira asertiva, expresar desexos e sentimentos, incluídos desexos de busca de intimidade ou/e pracer, tendo en conta as diversas maneiras de expresar a erótica. Establecer relacións e vínculos afectivos coas persoas achegadas ou con persoas que satisfagan o noso desexo e intimidade sexual, en procura de pracer ou desexo de procrear. Aprender a regular as emocións, desde as positivas que facilitan o encontro e a filiación ás negativas ante un rexeitamento ou duelo. Aprender a valorar e responsabilizarse da saúde sexual propia e respetar a diversidade ou diversas maneiras de expresar a sexualidade das demais persoas, sempre que non violenten a ninguén".

"Temos que deconstruír moito do que nos ensinaron. Moitas aprendizaxes están cargadas de violencia, medos, culpas... Máis aínda no caso das mulleres e das persoas do colectivo LGBT+, que historicamente vivimos moitísima violencia cara a nós e cara a vivencia da nosa sexualidade", precisa Devesa.

Por iso urxe promocionar un enfoque positivo da saúde sexual, conclúe Puri Leal, afastado da visión negativa que aínda persiste da sexualidade, "asociada á xenitalidade, ás relacións coitais e a riscos". "Existe un patrón de consumo onde as experiencias sexuais se miden en función da satisfacción inmediata, da acumulación; un modelo competitivo, similar ao pornográfico, que xera frustración e inseguridade e que nos afasta das relación positivas e colaborativas".