A Facultade de Bioloxía da USC rexeita o proxecto de Altri para A Ulloa: “É lesivo para a conservación da biodiversidade”

'Santonila melidensis', mostra da flora única da serra do Careón. (Foto: Nós Diario).

O manifesto que cuestiona a pasteira foi aprobado por asentimento esta cuarta feira na Xunta de Facultade. Advirte que pór a celulosa no emprazamento previsto “sepultaría unha parte significativa da área máis relevante para a flora ameazada e protexida do afloramento serpentinítico, destruíndo de forma directa diversos núcleos das catro especies protexidas endémicas estritas, así como varios hábitats de interese prioritario para a Unión Europea”.

A Xunta de Facultade de Bioloxía da Universidade de Compostela (USC) aprobou esta cuarta feira por asentimento un manifesto en defensa da flora e fauna ameazadas polo proxecto de Altri para A Ulloa.

“Rexeita a instalación das fábricas de celulosa e fibras téxtiles promovidas por Altri-Greenfiber (proxecto Gama) en toda área con presenza do afloramento das serpentinitas de Melide, e exhorta ás institucións galegas, españolas e europeas a defender o patrimonio natural e impedir a gravísima afección á biodiversidade vexetal única presente na zona que provocaría este proxecto industrial”, conclúe o manifesto.

Consideran que o proxecto da pasteira en Palas de Rei é  lesivo para a conservación da biodiversidade e que agrede os obxectivos de sustentabilidade europeos, nomeadamente o ODS 15 relativo á conservación dos ecosistemas terrestres, e para garantir a conservación da flora ameazada e única existente nas serpentinitas de Melide, así como do resto da súa biodiversidade  edos seus hábitats, que representan un valioso patrimonio natural único na Galiza”.

Explican que as denominadas serpentinitas de Melide constitúen un dos espazos de maior interese botánico da Península Ibérica. “Situadas no centro da Galiza, presentan unha diversidade de hábitats singulares que se estenden desde os cumes fríos e húmidos da Serra do Careón até as ribeiras do Ulla, onde penetra a influencia cálida do mar”.

O isolamento derivado do substrato ultrabásico, nun contexto dominante de rochas ácidas no noroeste ibérico, explican, deu lugar a procesos de especiación en plantas que acadan o seu maior exponente nas especies endémicas estritas que existen nesa área.

“A alarmante transformación de afloramentos serpentiníticos en prados, cultivos forestais de eucaliptos ou zonas urbanizadas, vén provocando a desaparición de poboacións e núcleos de poboación (subpoboacións) destas especies”, alertan no manifesto.

Neste contexto, a aparición do proxecto de Altri provocou un aumento da preocupación polo seu impacto na flora e fauna das comarcas afectadas pola posíbel instalación da pasteira. “O 26 de decembro de 2023, sae publicado para exposición pública o proxecto de captación de aguas do río Ulla para a factoría de Altri, onde por vez primeira se visualiza nun mapa a parcela de uso industrial, de 366 ha, que sepultaría unha parte significativa da área máis relevante para a flora ameazada e protexida do afloramento serpentinítico, destruíndo de forma directa diversos núcleos das catro especies protexidas endémicas estritas”.

A isto engaden que “o espazo delimitado como parcela industrial acolle tamén fauna catalogada como ameazada, nomeadamente moluscos terrestres, insectos, anfibios e aves de espazos abertos, grupos en recoñecido declive”.

Mais, paradoxalmente, apuntan os responsábeis deste manifesto, os promotores “pretenden conseguir fondos do programa Next Generation relacionados coa descarbonización e promocionan o proxecto como unha oportunidade e un avance no desenvolvemento sustentábel”.