Falece un ciclista en Culleredo

Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario)
Ao redor das 13 horas, un particular chamou ao 112 para informar sobre un ciclista que se caeu na rúa Irmáns Brañas Fernández, na parroquia de Almeiras.

Un ciclista perdeu a vida esta cuarta feira no municipio de Culleredo (comarca da Coruña). O persoal sanitario desprazado ao lugar só puido confirmar o seu falecemento. Ao redor das 13 horas, un particular chamou ao 112 para informar sobre un ciclista que se caeu na rúa Irmáns Brañas Fernández, na parroquia de Almeiras.

A alerta xa indicaba que a persoa podería estar morta, polo que o 112 pasou aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061. Tamén se informou ao servizo de Bombeiros de Arteixo, á Policía Local e á Garda Civil da Coruña. Polo momento, descoñécense as causas do falecemento.

Outro ciclista evacuado en helicóptero

Un ciclista foi evacuado en helicóptero esta cuarta feira tras caer por un cantil en Cabanas (Eume). A vítima caeu primeiro da bicicleta e a continuación por un desnivel de 10 metros, quedando a bicicleta no camiño.

Segundo informou o 112, do suceso alertou un particular poucos minutos antes das 13 horas. O informador, que nese momento realizaba unha travesía en kaiak, viu como unha persoa caía por un cantil e quedaba tendido sobre as rochas perto da praia de Chamoso.

A Sala de Operacións do 112 Galiza informou o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galiza-061, o servizo de Bombeiros do Eume, o GES de Mugardos, a Garda Civil e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cabanas.

Até o lugar onde se atopaba o ferido chegou o informante, que facilitou a localización da vítima. Tras isto, os servizos de emerxencias valoraron o camiño para trasladar ao ciclista, que estaba inconsciente.

Dado que se trataba dun carreiro estreito e de difícil acceso para vehículos, solicitouse a colaboración de Salvamento Marítimo, que mobilizou o helicóptero Helimer. Tamén se informou ao Servizo de Gardacostas da Galiza.

A vítima foi atendida polo persoal sanitario no punto até que o helicóptero chegou á zona e puido efectuar a súa evacuación até o aeroporto da Coruña, onde o esperaba unha ambulancia para o seu traslado ao centro hospitalario de referencia.

Dous trasladados no Porriño

Por outra parte, outros dous ciclistas foron trasladados no Porriño (comarca de Vigo) ao centro hospitalario de referencia tras chocar contra un turismo. Un particular alertou do suceso ao redor das 11.30 horas. Indicaba que os dous ciclistas chocaran contra un coche e que resultaran feridos, aínda que non quedaran atrapados.

Con esta información, desde o 112 deuse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, ao servizo de Bombeiros do Baixo Miño, á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño. Finalmente, os dous feridos foron trasladados ao Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo.