Falece un peregrino mentres facía o Camiño de Santiago, o segundo en menos de 24 horas

Varios peregrinos facendo o Camiño de Santiago. (Foto: Nós Diario)
Os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home cando chegaron ao lugar, no concello de Castroverde. Esta terza feira outro peregrino faleceu en Portomarín.

Un peregrino faleceu na mañá desta cuarta feira ao sufrir unha indisposición cando percorría o Camiño Primitivo a Santiago, ao seu paso pola localidade de Castroverde, na comarca de Lugo. O suceso tivo lugar ás 9.45 horas, cando outro camiñante solicitou asistencia sanitaria para un dos compañeiros do seu grupo, este home, que perdeu o coñecemento á altura da parroquia da Frairía, en Castroverde.

Na súa chamada á central de emerxencias do 112, sinalou que o home, de 70 anos, permanecía inconsciente. Desde Emerxencias solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, que mobilizou unha ambulancia e o helicóptero medicalizado con base en Ourense, así como dos axentes da Garda Civil.

A pesar dos seus esforzos, con todo, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home cando chegaron ao lugar.

Este é o segundo suceso relacionado co Camiño en menos de 24 horas, pois na mañá desta terza feira outro peregrino, de 58 anos, faleceu cando facía o Camiño de Santiago ao seu paso a parroquia de Castromaior, na localidade de Portomarín, tamén pertencente á comarca de Lugo.