Falece un piloto vigués durante unha exhibición aérea en Portugal

O choque entre as dúas aeronaves recollido por unha cámara. (Foto: @fl360aero)
Manuel R.C. pertencía á patrulla acrobática ibérica Yakstars e participaba no Beja AirShow.

Un piloto galego, Manuel R.C., faleceu na tarde deste domingo despois de que o avión que pilotaba batese contra outro durante un espectáculo aéreo que acollía a cidade portuguesa de Beja. Un sinistro no que tamén resultou ferido outro piloto de nacionalidade lusa, segundo confirmou a Forza Aérea Portuguesa.

O falecido, de orixe viguesa, pertencía á patrulla acrobática ibérica Yakstars, formada por pilotos do Estado español e Portugal, e estaba participando no Beja AirShow, na base aérea número 11.

A institución especificou tamén que unha das aeronaves acabou estrelada fóra do perímetro da Base Aérea e a outra aterrou na unidade sen provocar vítimas entre as persoas que observaban o espectáculo nas inmediacións do lugar no que se produciu o accidente.

Até o sitio desprazáronse de inmediato servizos de emerxencia, que atenderon o piloto luso ferido, de 37 anos de idade, trasladado posteriormente ao Hospital de Beja.

O ministerio de Defensa portugués informou da apertura dunha investigación para coñecer os motivos do sinistro. A Cámara Municipal de Beja, a través do seu presidente, Paulo Arsénio, trasladou nas últimas horas o seu pésame e consternación polo accidente.