Sanidade pública

A falta de cobertura das vacantes médicas aumenta as demoras e concentra a presión: "Necesitamos solucións hoxe"

Centro de saúde de Cangas, na comarca do Morrazo. (Foto: Nós Diario)
Plataformas veciñais e gobernos locais suman anos de protestas e reivindicacións no Morrazo en defensa da sanidade pública e moi especialmente da Atención Primaria, un servizo de proximidade que está a perder a súa esencia ante a falta de reposición de persoal e a concentración das consultas a varios quilómetros das casas.

En 2018 a veciñanza de Moaña (O Morrazo) saíu á rúa de forma masiva para evitar que a Casa do Mar ficase fechada polas tardes. Desde entón, sinalan no Goberno municipal, foron moitas as semanas nas que as persoas usuarias viron colgado na porta un cartel de aviso que dicía: "Só hai un médico, o resto é desviado ao PAC de Cangas". O pasado 10 de xullo outro anuncio alertaba as pacientes: "Non hai ningún médico en quenda de tarde, urxencias ao PAC de Cangas".

O letreiro advertía dunha realidade que desde o pasado día 17 se vai estender até o 15 de agosto. Durante un mes "non teremos ningún médico de tarde", resume a alcaldesa Leticia Santos (BNG), "o que é equivalente a ter centro médico fechado", conclúe.

De cinco a ningún  

Segundo explica a rexedora en declaracións a Nós Diario, as urxencias de Moaña "seguen confinadas" en Cangas desde que, "coa escusa da pandemia", trasladaron o PAC da localidade sen que, polo momento, a Consellaría de Sanidade ordenase devolver ese servizo ao municipio. Ademais de perder esta asistencia directa, sinala Santos, os tempos de espera e de traslados das ambulancias aumentaron, sen que o Sergas dispuxese unha ambulancia de reforzo para a comarca do Morrazo, que puidese dar auxilio á de Cangas e, sobre todo, á de Moaña.

Na quenda de tarde do servizo de Atención Primaria (AP) de Moaña tería que haber cinco médicos, mais só hai tres prazas ocupadas. "Unha está asignada a unha persoa que colleu a praza pero pediu unha excedencia e que nunca está no centro e unha quinta praza de nova creación que segue sen cubrirse".

Coa chegada do verán e os períodos de vacacións, a situación agravouse. A situación da sanidade pública no Morrazo é moi complicada, afirma Leticia Santos, pola falta de recursos humanos e de medios materias, nomeadamente polo desinterese da Consellaría para resolver os problemas da sanidade. Debería prever estas ausencias e reforzar os servizos a tempo". Segundo sinala Santos, a presión sobe no PAC de Cangas desde que se centralizaron alí as urxencias e  non se substitúen as vacantes. "O número de consultas vai en aumento constante porque todo vai ao PAC e todo se acaba tratando como unha urxencia cando non o é", censura a nacionalista.

Cangas e Moaña atenden estes días outro debate, o do futuro Centro Integral de Saúde que a Xunta ten aínda pendente resolver. "Creo que non debemos caer nas trampas da Consellaría para desviar a atención dos verdadeiros problemas da sanidade no Morrazo: a falta de persoal sanitario que dá lugar a que as baixas e as vacacións queden sen cubrir e a insuficiencia de ambulancias, que a punto estivo de custar unha vida esta mesma semana", salienta a rexedora de Cangas, Araceli Xestido (BNG) .

"Necesitamos solucións hoxe aos problemas de hoxe e non enredarnos en cortinas de fume que nos distraen das verdadeiras reclamacións, como a reapertura do consultorio do Hío, posto a disposición por este Concello e que só necesita que se dote de persoal. O problema non é a falta de infraestruturas, que sempre son mellorábeis, senón a falta de servizos e de persoal".

Tres semanas de espera

Desde Bueu, o alcalde Félix Juncal (tamén do BNG) denuncia que "cada vez son maiores as queixas da veciñanza polo tempo de agarda para conseguir unha cita co persoal médico de AP". Segundo di, "o que está sucedendo derívase dunha mingua escandalosa dos cadros de persoal, e iso fai que cando chega o verán, aínda se reduzan máis". 

As baixas non se cobren e as vacacións tampouco, o que obriga o persoal activo a prolongar a súa xornada dúas horas, como mínimo, para pasar consulta. Desde o Concello exixen "prioridade absoluta" para a sanidade pública, especialmente para a AP.

"Non é normal que a Xunta da Galiza actúe con tal desinterese, deixando máis esquecida a poboación durante a tempada estival", cando o municipio amplía a súa poboación, "un dato que a Xunta  debería ter en conta, pois o que non pode ocorrer é que teñamos que pedir cita co noso médico ou médica de cabeceira e teñamos que agardar tres semanas polo primeiro oco dispoñíbel".

137 semanas en defensa da sanidade pública

De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Leticia Santos, Araceli Gestido, María Ramallo e Félix Juncal.

Na mesma comarca, a do Morrazo, Moaña e Cangas comparten pertenza á área sanitaria de Vigo, mentres Bueu e Marín dependen da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Neste último concello, a súa alcaldesa, María Ramallo (PP), asegura que non están a vivir "situacións complexas a nivel asistencial, máis alá das habituais condicións vacacionais, que nalgúns casos poden supor pequenas demoras nas citas". A cobertura asistencial está garantida, afirma.

"No centro de saúde contamos con 14 médicos, máis catro prazas de pediatría, dúas cubertas e outras dúas pendentes de ocupar en breve". Coa fin de recuperar maior autonomía sanitaria a curto prazo, este domingo Moaña sumará 137 semanas consecutivas de protestas. Desde 2021 reclaman servizos dignos e de proximidade.